sábado. 31.05.2025

O Concello de Xinzo de Limia vén de anunciar o inicio de dúas novas actuacións estratéxicas no barrio do Polígono, orientadas a mellorar a mobilidade, o acceso aos servizos e a calidade urbana dunha das zonas con máis actividade da vila. A intervención principal será a creación dun novo aparcadoiro público e gratuíto, que se complementará coa Fase 1 do plan de recuperación da rúa Río Arnoia.

novo aparcadoiro situarase entre as rúas Río Sil, Río Arnoia e Río Arenteiro, a escasos metros da rúa Dous de Maio, recentemente renovada cun investimento de 205.000 euros. Este espazo ofrecerá servizo á zona comercial de Dous de Maio, á rúa A Ladeira e aos principais puntos administrativos e sanitarios do barrio: praza de abastos, centro de saúde, xulgado e numerosos negocios locais.

Contará cunha superficie de 2.700 m², distribuída en 98 prazas para vehículos e 6 prazas para motos, con accesos polas rúas Río Sil e Río Arenteiro. Estará dotado de rede de sumidoiros e sistema de alumeado público, e terá firme asfaltado. O investimento ascende a 48.141,62 euros (IVE incluído), financiado integramente con fondos propios municipais.

Xinzo contará cun novo aparcamento gratuito de case 100 prazas.
Xinzo contará cun novo aparcamento gratuito de case 100 prazas.

 

En paralelo, acometerase tamén a Fase 1 da mellora da rúa Río Arnoia, no tramo comprendido entre as rúas Río Sil e Río Miño. Esta intervención incluirá a renovación do firme mediante aglomerado asfáltico, o recrecido e axuste de tapas e sumidoiros, o pintado integral da vía e a instalación de nova sinalización horizontal, incluídos pasos de peóns elevados. O orzamento total da actuación ascende a 59.998,49 euros, financiado a través dunha subvención nominativa da Deputación de Ourense.

Segundo explicou o concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, "esta é unha mostra máis da nosa aposta firme por un modelo de vila cómodo, accesible e funcional. Os aparcadoiros públicos e gratuítos son fundamentais para aliviar o tráfico, facilitar os desprazamentos e, sobre todo, dinamizar o comercio local, ofrecendo máis comodidade tanto para residentes como para visitantes".

Con este novo espazo, Xinzo contará con catro grandes aparcadoiros gratuítos: o da rúa Curros Enríquez, o da Avenida de Celanova, o da Avenida de Madrid e San Sebastián e agora este último no barrio do Polígono. "Non se trata só de crear máis prazas, senón de facelo onde realmente se necesitan, en zonas que concentran actividade comercial, administrativa e veciñal. Seguiremos traballando nesta liña".

NOTICIAS XINZO | Novo aparcadoiro gratuíto con case 100 prazas e obras de mellora na...