O vídeo ofensivo circulou este venres por toda a vila vía Whatsapp

PP e BNG pechan filas contra os ataques homófobos ao concelleiro Ricardo Sieiro | NOTICIAS XINZO

Os autores do mesmo usaron, burdamente, a intelixencia artificial para modificar un vídeo deste xornal.

Dous dos principais partidos con representación municipal en Xinzo de Limia fixeron públicos comunicados oficiais nos que rexeitan con firmeza os ataques homófobos sufridos polo concelleiro Ricardo Sieiro tras a difusión dun vídeo con contido ofensivo.

Desde o Partido Popular de Xinzo cualifican os feitos de "absolutamente intolerables" e advirten de que este tipo de comportamentos vulneran directamente a dignidade das persoas e os principios básicos de igualdade e respecto que deben rexer a convivencia democrática. A formación popular expresa o seu apoio "persoal, político e institucional” ao concelleiro e esixe a rectificación inmediata dos responsables, así como a retirada de calquera contido ofensivo e o cesamento de actuacións que fomenten a confrontación e a desinformación.

Na mesma liña pronúnciase o grupo municipal do BNG de Xinzo, que manifesta unha condena “firme e inequívoca” a calquera forma de insulto, discriminación ou ataque persoal baseado na orientación sexual. Os nacionalistas subliñan que, malia manteren críticas políticas á xestión da Concellería de Festexos, consideran “absolutamente inadmisibles” as descalificacións persoais e trasladan publicamente o seu apoio ao edil afectado.

Ambas formacións coinciden en defender o respecto, a dignidade e os dereitos das persoas como principios irrenunciables e en rexeitar que este tipo de comportamentos teñan cabida no ámbito público. Os comunicados, datados o 6 de febreiro de 2026, reflicten unha coincidencia pouco habitual no panorama político local fronte a actitudes homófobas e unha defensa común da igualdade, da liberdade e dos valores democráticos.