sábado. 20.04.2024

[Ampliación das 17:15 horas]
Hai días que unha sacudida de democracia muda cursos que parecían inalterábeis. O tempo dirá se o que sucedeu esta mañá en Baltar será lembrado con ese carácter de acontecemento. Polo de agora, unha política atenta, a alcaldesa de Xinzo de Limia Elvira Lama, agarrouse a ese quilómetro e pico no que está afectado o seu termo municipal e colocouse, digna e valente, á cabeza da resistencia contra a LAT do Larouco.

Elvira Lama parou os pés a Iberdrola, a dous enxeñeiros con moito máster e pouco mundo, que apareceron a unha reunión con veciños, comuneiros, produtores de mel, xentes do parapente, avogados e técnicos ben informados e donos do seu para dicir que a empresa non ten plan alternativo á LAT do Larouco.

E co que se toparon foi cun non rotundo, unánime, das vinte veciñas e veciños convocados este xoves na Casa da Cultura de Baltar por Quique Cuquejo, un dos promotores do parapente en Baltar que se encargou de mover á xente para protestar contra un tendido eléctrico que ameaza a zona de aterraxe do voo libre e terminou por provocar unha rebelión contra os eólicos á que se tivo que sumar o alcalde, José Antonio Feijoo... e que até hoxe estaba limitada ao concello de Baltar, principal afectado polo deseño da liña, con dez dos once quilómetros do trazado sobre o seu territorio.

Desde hoxe a LAT e o Larouco son unha cuestión de toda a Limia. Porque foi a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, a que nun par de intervencións incisivas colocou aos enviados de Iberdrola onde lles corresponde e non onde eles pensaban que estaban, donos do monte.

Empezaron os enxeñeiros desculpando a empresa e acusándose a si propios. “Yo cometí un error; yo, no Iberdrola; por omisión o por total desconocimiento de la cuestión del parapente. No era conocedor de esa actividad”, explicou un deles antes de pedir que non se gravasen as súas intervencións dado que non estaba autorizado como portavoz da empresa. “Los parques eólicos no se van a construir por la fuerza de las empresas contra la gente. En estos momentos hay en Galicia unos 250 proyectos. Pero no se está construyendo ninguno. Y no se van a construir todos. Donde haya problemas con la gente no se van a hacer”, dixo.

Despois das desculpas, recoñeceu que Iberdrola comparecía á reunión sen alternativa.

Deulla Elvira Lama. "A alternativa cero, aí a teñen, nas alegacións que presentou o Concello de Xinzo a semana pasada". Os enxeñeiros case nin abriron as mochilas para mostrar toda a documentación que dicían traer para botar enriba das veciñas como se botasen enriba, DOG mediante, miles de folios de xustificacións técnicas que ningunha veciña está en disposición de contestar..

reunion Baltar eolicos (1)Mapas expostos este xoves no salón da Casa da Cultura de Baltar.

Mais si as institucións públicas, que son de todas e ás veces comparecen e mesmo nos representan. Estaba o alcalde de Baltar, José Antonio Feijoo, gardando as formas cos convidados de Iberdrola pero sendo máis claro que nunca sobre a negativa do Concello de Baltar a permitir unha infraestrutura que acabe co parapente. E estaba Elvira Lama explicándolle aos enxeñeiros que aínda que a lei diga que se hai utilidade pública os veciños non poden re chistar, hai unha cousa que se chama política e cando se aplica pode mudar cursos que parecían inalterábeis, como ese polo que Iberdrola pretendía levar o asunto da instalación dun tendido eléctrico sen que as afectadas e os afectados o soubesen até verse coas torres diante do nariz.

"Se vostedes non son quen de traer aquí unha solución, pois manden aquí a quen corresponda e que Iberdrola diga claramente o que quere facer. A xente xa llo dixo a vostedes: a LAT do Larouco, non" (Elvira Lama)

A afouteza dos representantes institucional, inusual na maior parte do país ante cuestións como esta, ten detrás a Quique Cuquejo, e tamén a Ricardo, Silvia, Alfonso, Vítor ou Quim e moitas outras que sentaron fronte a Ibredrola para lle dicir, moi educadamente tendo en conta o que está en xogo, que non queren os cables de alta tensión e as torres atravesando a ladeira.

Non queren a liña os produtores de mel porque advirten que as abellas se desorientan e que hai cen apiarios instalados no concello e que a apicultura sería inviábel. Non queren os do parapente porque volveron explicar, e desta volta con xente da federación portuguesa e da federación española desprazados para a ocasión até Baltar, que o risco de accidente cun tendido polo medio é inasumíbel. Non a queren as comuneiras da Boullosa, que lle fixeron unha pregunta que non souberon responder os enxeñeiros con todos os seus másters: 'Por que non falastes connosco antes?".

"Xa non estamos a defender só o parapente, o que estamos é a defender a Serra do Larouco" (Rosi, veciña da Boullosa)

Non queren a liña os comuneiros de San Martiño, que protestaron porque ninguén falou tampouco con eles nin sequera para pedirlles permiso para usa o nome da aldea para unha central eólica. E os comuneiros tamén pediron contas de cousas que se fan sen que os enxeñeiros acertasen coa razón. "Que sentido ten colocar unha liña de evacuación que custa 1,7 millóns de euros e afectar a serra enteira para evacuar a enerxía de 20 MW?".

reunion Baltar eolicos (2)De esquerda a dereita na mesa: Cuquejo, Lama, Feijoo e un dos enviados de Iberdrola.

A xuntanza, que alguén decidiu que era mellor abrir ao público e tamén á prensa, foi avanzando entre idas e voltas sobre cuestións de tramitación, afeccións ao patrimonio material, até chegar o asunto das augas e do impacto que un soterramento da LAT tería sobre os mananciais. Tampouco tiveron resposta os enxeñeiros.

Unha veciña da Boullosa, Rosi, definiu o sentimento que foi unindo a todas, alcaldesa e alcalde incluídos, na resposta á desvergoña de Iberdrola de presentarse a pedir perdón sen traer proposta de emenda. "Xa non estamos a defender só o parapente, o que estamos é a defender a Serra do Larouco", dixo Rosi.

E Elvira Lama asumiu o desafío de poñerse de cara fronte a Iberdrola. "Se vostedes non son quen de traer aquí unha solución ou de dicirnos que non se vai facer a liña e punto, pois manden aquí a quen corresponda e que Iberdrola diga claramente o que quere facer. A xente xa llo dixo a vostedes: a LAT do Larouco, non".
 

NOTICIAS A LIMIA | Elvira Lama ponse á cabeza da resistencia na Limia contra a LAT do...