viernes. 04.10.2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, mantiveron este xoves unha reunión co alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, para abordar a situación asistencial da especialidade de pediatría no centro de saúde de Xinzo de Limia. 

Ante a situación de baixa médica dun dos facultativos, o delegado territorial e o xerente explicáronlle ao alcalde que se intentará cubrir temporalmente con prolongacións de xornada doutros profesionais da contorna mentres se trata de ocupar esa praza mediante a oferta pública de emprego ordinaria, o vindeiro concurso de traslados ou, de ser necesario, un concurso de méritos específico sen oposición utilizando a Lei de medidas urxentes para prazas de difícil cobertura que aprobou a Xunta en 2022.

No encontro tamén estaban presentes o primeiro e segundo tenente de alcalde do Concello de Xinzo, Antonio Fernández Veiga e Carlos Gómez Salgado, respectivamente; os concelleiros Ramón Gómez e María Ángeles Martínez, así como tamén algunhas das nais afectadas pola falta dun dos pediatras no centro de saúde de Xinzo. 

Rubial comprométese co alcalde de Xinzo a dar solución á falta de pediatras