En tres meses un cento de mulleres vítimas do machismo fixeron uso da "liña malva" | NOTICIAS XINZO
Benquerer, o programa da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Xinzo, cofinanciado pola Consellería de Política Social e Igualdade e pola Unión Europea a través do FSE+ Galicia 2021–2027, consolídase como recurso de referencia no municipio.
Dende a súa posta en marcha, o 12 de xuño, leva atendidas máis de 100 persoas, prestando apoio profesional ás mulleres en situación de violencia machista e ás súas fillas e fillos, cun acompañamento orientado á recuperación e ao benestar emocional.
A concelleira de Igualdade, Ángeles Martínez, salientou que "en Xinzo temos claro o compromiso: ninguén queda atrás. Benquerer ofrece apoio psicolóxico e social próximo e eficaz, para recuperar a vida en igualdade e sen violencia".
O programa estrutúrase en dúas liñas principais:
-
Liña Malva, que ofrece información, asesoramento e atención psicolóxica e social ás mulleres en situación de violencia de xénero.
-
Benquerernos, con obradoiros de sensibilización en igualdade, talleres psicoeducativos para crianzas (habilidades sociais, identificación e expresión emocional) e o grupo de autoaxuda Florecer, un espazo seguro de confianza e apoio mutuo.
Benquerer é un servizo gratuíto, confidencial e con cita previa, que se desenvolve nas instalacións de Servizos Sociais e na Casa da Cultura. O Concello de Xinzo reafirma así o seu compromiso cunha resposta pública coordinada e próxima fronte á violencia machista e co fomento de contornos comunitarios máis igualitarios e seguros.