A batucada Xituma Batuke, a formación máis lonxeva do Entroido de Xinzo ata a data, ofrécenos un xesto cargado de simbolismo e respecto pola tradición. Nesta edición, que coincide coa celebración do 15 aniversario do Petardazo, a agrupación quixo render un sentido tributo a un personaxe "mítico" da nosa festa que xa non pode estar presente: Pucho.
O histórico entroideiro, que nos deixou o pasado mes de decembro, será lembrado a través dunha chapa conmemorativa creada pola batucada para honrar a súa memoria e celebrar o seu aniversario. Con esta iniciativa, Xituma Batuke busca que o legado de Pucho siga latexando nas rúas durante todo o ciclo festivo, reafirmando que o Entroido é, por riba de todo, historia, unión e corazón.
Continuar esta festa ano tras ano é para a agrupación unha honra e unha responsabilidade asumida con agarimo. Mirar atrás cara ao camiño percorrido éncheos de orgullo, pero sobre todo de gratitude cara á xente que fixo posible que a chama do Entroido siga máis viva que nunca. Esta homenaxe ao querido Pucho representa o sentir dunha formación que mantén a esencia e o sentimento dun pobo unido polas súas tradicións.
