Venres. 29.03.2024

O parlamentario socialista Martín Seco preguntou esta mañá, na Comisión de Agricultura, á Xunta polos resultados do proxecto de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental do encoro das Conchas. Dende o PSdG lembran que acumula "décadas de contaminación por fósforo e nitratos dos xurros, fertilizantes e residuos das exploracións gandeiras da Limia", o que provoca unha acumulacións de microalgas que "envelenan as augas con ácido sulfhídrico" pola descomposición das cianobacterias.

Os socialistas sinalan que a propia Comisión Europa alertou sobre esta situación no 2019, tras un informe do Ministerio de Transición Ecolóxica. A propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil detectou nese mesmo ano nitratos na auga nun 24% dos puntos de mostraxe. Ademais, o pasado mes de maio, o MITECO publicou un mapa de contaminación por nitratos e marcou varios puntos da comarca da Limia e nas Conchas.

Pese a todos estes datos, os socialistas critican que a Xunta "non tomou ningún tipo de medida preventiva nin paliativa" para facerlle fronte e critican que tanto o Goberno autonómico como a Deputación, vaian destinar fondos europeos "para a creación dun complexo acuático recreativo de máis de medio millón de euros, cando deberían estar destinados a rexenerar o pantano".

Os socialistas sinalan que no 2013, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, baixo o Goberno de Mariano Rajoy, puxo en marcha un proxecto de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da contorna das Conchas. Os obxectivos eran "mellorar a calidade das augas do encoro, compensar a falta de baño con outras zonas adaptadas ao devandito uso, promover actividades lúdicas, culturais e de saúde na contorna fluvial, e (...) a seguridade e a accesibilidade da ribeira". Dende o PSdG aseguran que o primeiro "apenas recibiu fondos". A única actuación foi instalar unha illa flotante vexetal duns poucos metros cadrados "que se supoñía ía filtrar os tóxicos dun lago de 645 hectáreas de superficie e de case 30 millóns de metros cúbicos de auga embalsada".

O Grupo Socialista temén cuestiona que o programa europeo Life Rexenera Limia, que pretendía poñer en marcha proxectos piloto de recuperación dos acuíferos que desaugan no río Limia, que á súa vez verte no encoro das Conchas, vería reducido un 40% o seu orzamento. Este foi aprobado no 2014 e comezou a executarse no 2015 "cun orzamento de 2,05 millóns de euros financiado esta vez ao 50 % con fondos europeos, no que participaba o Goberno do Estado baixo a presidencia de Rajoy, a Xunta de Galicia presidida por Feijóo e a Deputación, baixo mando do actual presidente, Manuel Baltar".

Dende o PSdeG critican os "13 anos de desleixo do goberno do PP na Xunta de Galicia", que converteron esta situación en "insostible" e nun "grave problema de saúde pública". Ademais, piden que se declare á comarca da Limia como zona vulnerable por nitratos.

NOTICIAS A LIMIA | O PSdeG demanda os resultados do proxecto de mellora das augas das...