viernes. 04.10.2024

A comarca da Limia, ao igual que o resto de Galicia, activa hoxe o nivel amarelo por fortes treboadas, segundo recolle a Axencia Española de Meteoroloxía (Aemet). Desde Meteogalicia sinalan que a masa de aire cálido que está cubrindo á comunidade, que mantén os mercurios especialmente elevados en Ourense, pode ser a causante de aparición de treboadas localmente fortes e que estarán acompañadas de saraiba nalgúns casos.

Aemet manterá a alerta amarela activa entre as 10:00 e 22:00 horas, nas que estiman entre un 40 e un 70% de posibilidades de treboadas para o sur da provincia. Aínda que as maiores complicacións se prevén nas zonas de alta montaña de Ourense e Lugo, o aviso activarase en toda Galicia porque non se descarta a incidencia das treboadas en calquera punto da comunidade.

En canto as temperaturas, estas descenderán lixeiramente, en comparación coa xornada de onte, xa que rondarán os 33 graos. A predicción para os vindeiros días é que baixen tanto as temperaturas máximas como as mínimas. Estas últimas poden chegar a situarse nos 9 graos de cara á fin de semana.

No resto da provincia, a alerta amarela nesta tarde por temperaturas altas activarase na zona da cunca do Miño, onde os mercurios poden chegar un día máis ata os 37 graos.

NOTICIAS A LIMIA | A comarca activa o nivel amarelo por fortes treboadas