martes. 08.10.2024

[O sábado 27 e o domingo 28 de agosto, Medio Rural informou de que a superficie total afectada é de 625,2 hectáreas: 46,36 ha de arborado e 578,84 ha de monte raso. Na comunicación do sábado, daba por estabilizado o lume. Este domingo informou de que o lume quedara extinguido ás 20:45 horas do día anterior].

“A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Lobeira, parroquia de San Xes de Vilariño, está estabilizado. O lume iniciouse este mércores ás 21:15 h. e quedou estabilizado ás 17:10 h. desta tarde. Segundo as últimas medicións realizadas, a superficie afectada é de 560 hectáreas estimadas dentro do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés”, así informou este venres, pouco antes das seis da tarde, Medio Rural da situación do lume que afectou ao Parque Natural máis grande do país.


A estimación de 560 hectáreas arrasadas converte a este sinistro nun GIF (Gran Incendio Forestal, máis de 500 ha.). De tal modo que antes de rematar o mes de agosto, os tres espazos protexidos da provincia de Ourense, O Invernadoiro, a Serra da Enciña da Lastra e o Xurés terán padecido grandes sinistros neste 2022.


Segundo fontes do dispositivo autonómico de extinción de incendios, onte pola tarde no lume de Lobeira chegaron a se xuntar 22 medios aéreos, entre helicópteros e avións. Só o MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica) enviou 4 avións desde as bases de Rosinos (Zamora), Torrejón (Madrid) e León, ademais dun Foca desde Lavacolla, 2 avionetas da base de Antela, e as brigadas helitransportadas (con 2 helicópteros cada unha) de Laza e de Tabuyo (León). A Consellería de Medio Rural informa hoxe que nas tarefas de extinción durante as tres xornadas nas que o incendio estivo activo traballaron 24 medios aéreos.


Até o momento, as comarcas limiás e o Parque Natural do Xurés tíñanse librado dos incendios. Durante o mes de agosto, dentro do Parque tan só se rexistrara un lume (de menos dunha hectárea), no termo municipal de Calvos de Randín o pasado día 8.

ACTUALIZACIÓN | O incendio de Lobeira arrasa 625 hectáreas do Parque do Xurés