viernes. 26.04.2024

A primeira feira de setembro en Xinzo da Limia sufriu os efectos da chuvia, persistente desde o luns en toda a comarca. A partir de mañá, regresarán os ceos despexados froito dun anticiclón que desprazará á borrasca destes últimos días. “Mañá non choverá, mañá para”, esa é a previsión de MeteoGalicia para todo o país. “Até o domingo, como mínimo: tempo seco”.


Na chaira da Limia chove desde hai tres días, pero pouco. As chuvias rexistradas na Estación de Xinzo de Limia alcanzaron valores acumulados de 2,8 litros/metro cadrado o luns; 9,4 L/m2 o martes, e até este mediodía, de 17,6 L/m2 . Está sendo un setembro semellante ao dos últimos anos, segundo os datos históricos. Na primeira quince do noveno mes de 2021 apenas choveu, con valores de dous díxitos, un día, e non volveu a chuvia en todo o mes. No 2020 só se recolleron valores de dous díxitos en setembro  dous días; e nos anos 2019 e 2018 anterior, só nun. En 2017 non se deron eses valores en todo setembro (só choveu un día, e menos de medio litro por metro cadrado).


Nos puntos de recollida de Calvos de Randín, Baltar O Xurés e Laza a chuvia foi máis intensa estes días. En Calvos a precipitación acumulada o luns foi de 10,9 L/m2 o luns, e seguiu con valores de 20,5. En Baltar, empezou a semana en 8,5 L/m2 e o martes rexistrou 23,5. En Laza foron 3,2 o luns e 24 onte. No Xurés caeron 9,7  L/m2 o luns, e 46  L/m2 o martes. Só en Manzaneda, no Invernadoiro e ao norte do Avia se rexistraron cantidades similares no conxunto da provincia. 


En Xinzo as precipitacións foron continuas durante toda a mañá deste mércores, mais en calquera caso, modestas. Ás 16:00 horas, o rexistro de MeteoGalicia estimaba 17,6 litros por metro cadrado. As chuvias máis intensas producíronse entre as sete e as nove da mañá.


“O estudo mensual da precipitación acumulada neste verán mostra un mes de xuño húmido, xullo moi seco e, agosto seco, respecto ao último período de referencia”, segundo o informe climatolóxico estacional de MeteoGalicia, que compara os rexistros desde 1971. O informe certifica “un verán normal” no réxime de precipitacións para o conxunto do país.  

Chuvia na feira de Xinzo este mércores (2) (FILEminimizer)
Ceos nubosos e chuvia constante durante a mañá deste mércores en Xinzo.


Mais este foi un verán “normal”, precedido por unha primavera “moi seca” (informe estacional anterior) e un inverno “seco” con valores similares “ao ano 2017, e o precedente máis seco en 2012” (informe estacional do último inverno). 

NOTICIAS A LIMIA | Mañá para