viernes. 26.04.2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, anunciou este martes un amplo dispositivo coordinado entre a Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense e Protección civil para garantir que a peregrinación ao Santuario da nosa Señora dos Miragres en Baños de Molgas, que terá lugar esta noite, se realice coa máxima seguridade. Así, a partir das 22.00 horas do día de hoxe e ata as 01.30 horas da madrugada do mércores día 7, instalarase unha carpa para atención aos peregrinos.


A carpa estará situada nunha marxe da estrada autonómica OU-101 (Ourense-Maceda) á altura de As Campinas (Paderne de Allariz), concretamente no punto quilométrico 9.1 da citada vía, que se corresponde co lugar de maior paso de peregrinos en dirección ao Santuario. 


Emilio González explicou que no posto instalado por Protección Civil estarán presentes persoal de Tráfico e Protección Civil (voluntarios de Baños de Molgas e Pereiro de Aguiar). Na carpa dispoñerase de diferente material de axuda aos peregrinos como elementos de primeiros auxilios sanitarios, ou pezas reflectoras para que a peregrinación se efectúe coa máxima seguridade posible para todos os cidadáns que a pé ou en bicicleta circulen cara Os Miragres. 


Así mesmo, reforzarase a vixilancia e asistencia nos accesos habituais de chegada ao Santuario por parte de diferentes patrullas da Garda Civil de Tráfico.

NOTICIAS A LIMIA | A Subdelegación do Goberno anuncia un amplo dispositivo para a...