viernes. 19.04.2024

A Concellería de Cultura do Concello de Xinzo de Limia fixo públicas hoxe as bases da convocatoria do concurso infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares, dirixido a escolares nas etapas de Educación Infantil até o Bacharelato. O fallo do galardón, que inclúe sete categorías, darase a coñecer o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.

Segundo informa o Concello de Xinzo nun comunicado de prensa difundido este mediodía, concederanse dous premios en cada unha das sete categorías, que consisten en vales para mercar libros e material escolar nas librarías da vila.

As categorías son: unha para os cursos de infantil; tres para os diferentes ciclos de primaria; dúas para os de secundaria e unha para os alumnos de bacharelato en adiante.

Os relatos poden enviarse ao enderezo de correo electrónico [email protected], e deben ir acompañados do título da obra e os datos do autor cun teléfono ou mail de contacto. Tamén poden entregarse en papel na Casa da Cultura ou nos centros escolares de Xinzo. “Neste caso deberán presentarse nun sobre grande no que figure por fóra tan só o título da obra. No seu interior, ademais do texto orixinal, deberá aparecer outro sobre pequeno que conterá, así mesmo, o título da obra e os datos do autor. Serán nulos os traballos que leven á vista o nome”, informa o Concello. 

O prazo para participar remata o 6 de maio. O xurado estará composto por membros da Fundación Carlos Casares, escritores limiaos, profesores de Lingua e Literatura e técnicos de Cultura e Educación do Concello. As obras quedarán depositadas no arquivo municipal dos Premios Literarios Carlos Casares. 

NOTICIAS A LIMIA | O Concello convoca o concurso de narrativa Carlos Casares para...