Xoves. 28.03.2024

O seminario Dando luz ao románico... Escoitando o falar das imaxes petrificadas puxo o punto final á Universidade de maiores, que se levou a cabo durante tres fins de semana do mes de abril grazas a un convenio entre o Concello de Xinzo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). “O coñecemento non ten límites nin idade para aprender. Esta iniciativa foi unha experiencia única en cada unha das xornadas”, manifestou a alcaldesa, quen xunto a outros concelleiros participou nesta última xornada.

Tras unha introdución teórica na Casa da Cultura e da man de Carolina Casal, doutora en arte medieval pola USC, realizáronse visitas guiadas que puxeron en valor o patrimonio cultural destes dous concellos, informa un comunicado do Concello de Xinzo.

Carolina Casal, di a información, destacou a “exquisita iluminación” da que poden presumir as igrexas e asegurou que o que máis impresionou aos participantes foi a historiografía actual, polo que a sesión espertou un gran interese. Tamén explicou a doutora en arte medieval que con este seminario conseguiuse dar a coñecer á poboación a importancia do seu patrimonio, moitas veces descoñecido.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, asistiu ao seminario e destacou a importancia do Programa de Maiores para achegar os estudos universitarios aos maiores de 50 anos, engade a nota de prensa. O Programa Universitario de Maiores desenvolveuse ao longo deste mes de abril e nel ofrecéronse distintas actividades formativas e culturais dirixidas a persoas de máis de 50 anos. 

Na primeira sesión afondouse no papel que desempeñan as familias na educación, mentres que na segunda o cine foi o gran protagonista e realizouse un achegamento á práctica documental. 

NOTICIAS A LIMIA | “O coñecemento non ten límites nin idade para aprender”, di Elvira...