Domingo. 03.07.2022
“Para a Civitas Limicorum as accións no eido da comunicación teñen moita importancia”, di Marcos Argibay

NOTICIAS A LIMIA | Diario do Limia, diario oficial da Festa do Esquecemento

FESQ22

Marcos. Colmenero 1
Marcos Argibay, presidente da Asociación Civitas Limicorum, organizadora da Festa, e o editor do 'Diario do Limia', Xosé Lois Colmenero, esta semana no Toural. | FOTO: Noelia Caseiro.

A organización da Festa do Esquecemento e a editora do Diario do Limia alcanzaron un acordo de colaboración para que o Diario do Limia sexa o diario oficial da Festa 2022. A colaboración entre ambas entidades ten como finalidade atender a demanda pública de información sobre o evento e potenciar a divulgación e coñecemento do Esquecemento na comarca da Limia e en toda Galicia.


Marcos Argibay, presidente da Asociación Civitas Limicorum, organizadora da Festa, e o editor do Diario do Limia, Xosé Lois Colmenero, concretaron esta mesma semana un acordo polo que a partir de agora a web e as redes sociais do Diario do Limia ofrecerán un seguimento especial de todas as novas que teñen que ver co Esquecemento 2022.


“O que se pretende é aumentar a visibilidade e a difusión da Festa, das actividades que fagamos, así como a historia da nosa asociación”, explica Marcos Argibay, presidente da Civitas Limicorum. “Elixiuse o Diario do Limia porque consideramos que é un xornal referente e, ademais, chega á comarca de Verín a través do Diario do Támega, e mesmo a Portugal co Diário de Chaves”.


“Para nós, un proxecto vivo e que ilusiona, é un extraordinario orgullo que a Festa do Esquecemento conte co Diario do Limia para ser xornal oficial e referente informativo e divulgativo do evento”, manifesta Xosé Lois Colmenero. “Desexamos unha longa vida para a Festa, e esperamos poder acompañala durante moito tempo”, conclúe.


“Esperamos que sexa unha relación con froitos para ambas partes”, di Argibay, e engade: “Para a Civitas Limicorum e pensando na Festa do Esquecemento, as accións no eido da comunicación teñen moita importancia. Hai que saber facer as cousas, pero tamén hai que saber comunicalas. É necesario que se fale moito da Festa porque iso é o que fará que se acheguen visitantes e axuden a dinamizar a economía de Xinzo”.


O Diario do Limia realizará un seguimento amplo da Festa os días 19, 20 e 21 de agosto. E antes, durante estas semanas previas, baixo o hashtag FESQ22 a intención e ir contando os diferentes aspectos da celebración a través dos testemuños dos participantes, e dar noticias das actividades, innovacións e propostas lúdicas que prepara a Asociación Civitas Limicorum para esta edición do 2022.

NOTICIAS A LIMIA | Diario do Limia, diario oficial da Festa do Esquecemento
comentarios