viernes. 26.04.2024

Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo, e Marcos Argibay, presidente da Asociación Civitas Limicorum, acompañados de membros do goberno local e da directiva da asociación que organiza o evento, presentaron este xoves no salón de plenos da Casa do Concello de Xinzo de Limia a 22ª edición da Festa do Esquecemento. A alcaldesa avanzou que o Concello de Xinzo disporá un punto violeta atendido por persoal do CIM que pretende ser tanto un punto de información a mulleres como actuar como elemento disuasorio diante das agresións de submisión química. Marcos Argibay debullou o programa e subliñou dúas das novidades na celebración deste ano: a loita de gladiadores, que terá como escenario a Praza Maior, e a exposición histórica.


Segundo o presidente da Civitas Limicorum, haberá unhas 500 persoas que terán unha participación directa na Festa e dividiranse en 40 grupos, xa inscritos, de castrexas e castrexos e romanas e romanos. O campamento trasladarase uns metros no Toural para recollerse baixo as árbores, mentres que o mercado de artesanía establecerase tamén no parque do Toural e incluirá unha zona de xogos infantís. Argibay subliñou que este mercado “xa ten certa sona e converteuse nun dos máis visitados da provincia grazas á rigorosa selección que se vén facendo dos postos”.  


Elvira Lama asegurou que o goberno municipal de Xinzo traballa coa intención de conseguir para o Esquecemento a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, e considerou que a cita está “consolidada” entre as celebracións que se basean na recreación dun feito histórico. Argibay anunciou que este ano regresarán a Xinzo de Limia grupos de Astorga, Cartaxena e Lugo, convidados pola organización, e terán tamén o seu espazo nos desfiles. Ademais, o grupo Lugdunum de Lucus Augusti desenvolverá dous obradoiros e a Cohors Lucensium Praetoria encargarase de animar a festa o sábado pola mañá.


O Esquecemento limita nesta edición postpandemia os festexos a tres datas: o venres 19 de agosto, o sábado 20 e o domingo 21. Haberá un concerto o sábado pola noite, a cargo do grupo Pelepau “que son moi queridos en Xinzo e moverán xente, serán un gran reclamo e, ademais, a entrada será de balde”, explicou Argibay. A outra gran aposta no novo xiro que a directiva actual quere dar á Festa será a exposición A Limia castrexo-romana, que se inaugurará oficialmente ás 20:30 horas do sábado día 13 de agosto e permanecerá na Praza Maior.


Tamén participou na presentación do evento o parlamentario do PP Carlos Gómez, en calidade de presidente de honra da Civitas Limicorum. Gómez destacou o relevo xeracional que se foi producindo nunha festa que el mesmo organizou durante os primeiros anos como presidente da asociación. “Xa imos pola sexta directiva en vinte anos, iso demostra que a festa está moi viva e que a cultura xera actividade e negocio para Xinzo”. O presidente de honra lembrou tamén a algunhas das persoas que fixeron parte moi activa do Esquecemento e que faleceron e permanecen no recordo da Festa.

Presentación oficial da Festa do Esquecemento 2022, este xoves na Casa do Concello (2)
Participantes na Festa, este xoves na presentación oficial na Casa do Concello.

 

NOTICIAS XINZO | O Esquecemento reunirá 500 castrexas e romanas distribuídas en 40 grupos