Xoves. 28.03.2024

Preséntase como José Otero e di falar en nome de ACS, mais non deixou ningún documento que acredite que esa empresa é a mesma multinacional que preside Florentino Pérez. Ningún dos seus interlocutores se atreve, tampouco, a establecer unha relación directa. Na plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova levan meses seguindo o rastro de Otero. “Sabemos que se presentou con ese nome en Verea e a través do concello contactou con comunidades de montes e reunise con presidentes desas comunidades”, di Aldara Soutomanco, portavoz da plataforma.


“Aquilo pasou entre xuño e xullo e despois, en agosto, estivo tamén falando con veciños, polo menos temos constancia de que o fixo en dúas parroquias á saída da misa acompañado polo tenente de alcalde, o mesmo que estivera con el en reunións anteriores”. 


A portavoz afirma que o mesmo José Otero negociou en setembro con comuneiros de Rairiz de Veiga e deixou un documento cunha oferta na que engadiu a bolígrafo “A.C.S.”. “Si, o home co que falamos dixo que se chamaba José Otero e que viña en nome de ACS”, confirma o presidente dos comuneiros de Congostro (Rairiz de Veiga), Fernando, nunha conversa co Diario do Limia onte pola mañá na aldea. 


“Tamén sabemos que a principios de outubro chamou a comuneiros de Baltar, dixo falar en representación de ACS e estar interesado en tratar sobre dous proxectos, Tramontana e Mistral, que están proxectados na serra do Larouco e que até agora atribuíamos a dúas promotoras pantalla de Iberdrola”, din desde Stop Eólicos Xurés Celanova, que en agosto de 2021 alegou contra unha Liña de Alta Tensión entre a parroquia da Boullosa (Baltar) e a subestación de Naturgy en Muíños: a LAT do Xurés.

José Otero volveu sobre o Larouco, en outubro estableceu contacto coa comunidade de montes de Baltar, afectada por al menos 3 aeroxeradores do proxecto de Tramontana. Ao parecer, o primeiro contacto rematou en fracaso.

José Otero xa era coñecido tamén na Boullosa. Estivera negociando proxectos eólicos en nome doutra empresa: Bargas Solar Azul, na que figuraba como apoderado. Na Boullosa segue en trámite o proxecto de parque San Martiño e que é a orixe da LAT do Larouco, a liña que pretendía conectar ese parque coa subestación de Iberdrola no parque do Larouco, once quilómetros cara o leste polas faldras do monte. En canto saíu a exposición pública, esa LAT provocou unha forte oposición. O Concello de Baltar alegou, e o Concello de Xinzo, tamén e mesmo pediu que non se fixese de ningún xeito.

José Otero volveu á carga sobre o Larouco. A principios de mes estableceu contacto coa comunidade de montes de Baltar, afectada por al menos 3 aeroxeradores do proxecto de Tramontana. Ao parecer, o primeiro contacto rematou en fracaso. En Baltar e comunidades veciñas, desde A Boullosa a Niñodaguia, a aposta é preservar o Larouco tal e como está para aproveitar outras oportunidades.

Este mesmo sábado, afeccionados ao parapente e veciños en xeral manterán unha reunión para poñerse ao día a respecto da ameaza eólica. O tres proxectos de parques que os afectan: San Martiño, Mistral e Tramontana, seguen adiante. O primeiro, impulsado por Iberdrola; os outros dous, agora, por ACS. As tres liñas de evacuación que ameazan a contorna, tamén seguen en trámite: a LAT que vai da Boullosa a Mugueimes sobre o val do Salas; a LAT do Larouco e unha terceira, a LAT de Greenalia.  

“Eu fun á mili no 61 e eses piñeiros alá arriba xa se plantaran. Lembro de mozo que aquí chegamos a ser 100 veciños e todos vivían do gando houbo que abandonar as ovellas e as vacas cando se decidiu plantar os piñeiros”, di un veciño de Congostro.

Despois da contestación veciñal en xaneiro pasado, Iberdrola necesitaba buscar alternativas. Empresas de asesoramento técnico e xurídico que traballan coas comunidades de montes xa as apuntaron desde o primeiro momento, antes de que saíse a exposición pública a LAT de Greenalia cara o norte, desde Calvos de Randín até o Miño. En Stop Eólicos Xurés Celanova aseguran que a intención das empresas apunta a ampliar a LAT de Greenalia cara o sur. 

A LAT de Greenalia que durante este verán recibiu unha forte contestación en Porqueira, encabezada pola propia alcaldesa, Susana Vázquez, Calvos, Verea e Celanova, facilitaría a evacuación deste parques do Larouco. Desde Stop Eólicos Xurés Celanova din que teñen detectado movementos (“estanse a facer ofertas para comprar fincas particulares en Baltar”) nesa dirección. 

“Esta é unha aldea moi bonita, fixéronse moitas cousas e está cada vez mellor, vai vindo xente... non creo que uns muíños alá arriba, que o mesmo nin se ven, estraguen nada, e traerán uns cartos”, opina un veciño, máis novo.

No mega-parque que ACS estaría promovendo a través de José Otero en Bande-Verea-Rairiz. En Congostro, os comuneiros (31 teñen dereitos) descoñecen se o proxecto dispón de conexión con esa liña que vén desde Calvos e entraría desde Porqueira entre Carpazás e Trarigo (Bande). Tampouco saben que perímetro ocuparía o futuro parque; é dicir, se quedarían aldeas dentro do terreo que parecen dispostos a ceder durante 30 anos.

“Aquí a maioría está a favor. Houbo unha votación e, dos 27, a maioría votou por admitir os eólicos. Dixéronos que poderíamos seguir plantando piñeiros. Que o concello recibiría o pagamento de impostos, e que os muíños teñen 200 metros de alto, e que chantarían 12 en total”, explica o presidente dos comuneiros, Fernando, en compañía doutro veciño que recoñece “que a xente máis nova votou en contra, pero os máis maiores quérenos”.

En Verea, até hai un mes, pensaban que eran 7; en Congostro din que 12; en Ordes, unha comunidade veciña tamén en Rairiz, ensináronlles un plano con 24 aeroxeradores.

O xoves día 20 decidiran con que empresa continúan negociando: se con Vestas, se coa ACS de José Otero. Segundo contan, os dous proxectos son moi similares. Ninguén lles falou sobre os posíbeis impactos sobre a saúde, as augas, a paisaxe, o patrimonio... “Falaron de cartos, diso si”, di un home de 84 anos, que ten catro fillos que viven fóra “mais veñen moitas fins de semanas”. O home lembra  o impacto que tivo a plantación de piñeiros entre os anos 50 e 60 do século pasado.

Carpazás. Rairiz de Veiga. Eólicos (4)
O monte que se vería afectado polos aeroxeradores de 200 metros de altura, visto desde Congostro.

“Eu fun á mili no 61 e eses piñeiros alá arriba xa se plantaran. Lembro de mozo que aquí chegamos a ser 100 veciños e todos vivían do gando houbo que abandonar as ovellas e as vacas cando se decidiu plantar os piñeiros. Había un concelleiro que tiña terras e foi dos que máis forza fixo daquela para que se plantaran. Despois moita xente tivo que abandonar Congostro, eu mesmo estiven na emigración”.

- E, agora, que vai votar nos eólicos?
- Eu estou a favor. Teño 84 anos e xa non espero nada, pero que veñan uns cartiños... aquí non hai outra cousa.

Entre a veciñanza hai división de opinións. “Eu non sei nada, nada me explicaron, non sei...”, di unha veciña. Outra, que leva un cesto de produtos da horta, di que desconfía “de todas estas cousas modernas”. Un home, dunha xeración máis moza, intervén na conversación co vello que conta o caso dos piñeiros. “Esta é unha aldea moi bonita, fixéronse moitas cousas e está cada vez mellor, vai vindo xente... non creo que uns muíños alá arriba, que o mesmo nin se ven, estraguen nada, e traerán uns cartos”.

Se José Otero resulta ser un home de Florentino, por cartos non vai quedar un aeroxerador sen poñer. En Verea, até hai un mes, pensaban que eran 7; en Congostro din que 12; en Ordes, unha comunidade veciña tamén en Rairiz, ensináronlles un plano con 24. Sobre as aldeas planean cartos, ninguén menta ao benfeitor, non importan os mapas nin o tamaño dos muíños nin as historias dos vellos sobre a vida antes dos piñeiros. Non hai pasado nin futuro, o presente son cartos.

NOTICIAS A LIMIA | O mesmo representante de ACS que negocia eólicos en Rairiz e Verea...