Xoves. 28.03.2024

Activistas da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova tomaron pacificamente o castelo da Saínza este mércores, a dous días de que comece a gran romaría da Limia. A plataforma emitiu un comunicado no que alerta que nos montes veciñais de Ordes e Congostro, en Rairiz de Veiga, así como nos lindeiros de Bande e Verea, se está a promover un enorme parque eólico con 150 MW de potencia instalada e 25 aeroxeradores.  


Minutos antes do mediodía, a alcaldesa de Rairiz, Asunción Morgade, explicaba no mesmo lugar que ela so sabe das negociacións en marcha “polo que falan os veciños”. “Ao concello aínda non veu ninguén pedir permiso ningún”, asegura. E comenta que escoitou falar de ACS como a empresa que está detrás do proxecto. En Congostro, unha das comuneiras que fai parte da directiva, conta que o nome da empresa non o viu escrito máis que “a bolígrafo” e como “A.C.S.” nun dos supostos contratos que lles ofreceron. “A comunidade votou e saíu unha maioría de votos a favor dos eólicos, mais non se tomou acordo concreto ningún”.


En Ordes, nunha asemblea o pasado domingo xunto á vella escola, dúas ducias de comuneiros tamén votaron. Neste caso, a decisión foi “pedir máis información”. Paco García, concelleiro na oposición en Rairiz e presidente da comunidade de montes, explica ao Diario do Limia como está a situación alí: “Non sabes a que te ater. Nós tivemos unha oferta da empresa Vestas, e agora veu ACS cos mesmos contratos que ensinaron en Congostro”. En Ordes teñen 420 hectáreas de comunal e están negociando a cesión dos dereitos de CO2. “O que se acordou o domingo foi continuar procurando información e esperar, ver que pasa noutros sitios onde hai muíños ou os queren poñer”, di o presidente.

Activistas da plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA no castelo da Saínza, en Rairiz, que esta fin de semana acolle a tradicional romaría (2) (FILEminimizer)
Activistas da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, no castelo da Saínza, en Rairiz de Veiga.

Stop Eólicos Xurés Celanova insiste en que, a diferencia doutros proxectos que se foron parcelando para que colleran a vía da tramitación autonómica, este de ACS fragmentouse xa no momento de llo ofrecer a veciños e alcaldes. Agora, a medida que se coñecen as negociacións, coñécense tamén as dimensións do proxecto e os efectos sinérxicos para os impactos na área entre as vilas de Bande e Celanova. A potencia instalada obrigaría a que os trámites se levasen a través do Ministerio para a Transición Ecológica. A diferencia do parque de Statkraft en Rebordechao, este si está dentro dunha das áreas definidas como zonas de aproveitamento eólico no Plan Sectorial Eólico de Galicia.

Asemblea en Ordes da comunidade de montes (FILEminimizer)
Asemblea en Ordes da comunidade de montes, o pasado domingo.

O problema é que ese Plan Sectorial inclúe aproveitamentos en zona Reserva da Biosfera. No macro-proxecto de ACS, as afectadas son a Reserva da Biosfera Área de Allariz, “declarada no 2005 e da que a Unesco subliña que se trata dunha zona con importantes valores culturais e na que se dá un uso sostíbel do territorio”, e á Reserva da Biosfera Xurés-Gerês (transfronteiriza), “declarada no 2009 e da que a Unesco di que destaca pola variedade dos seus ecosistemas de bosque e turbeira, así como polas especies endémicas que se dan pola influencia conxunta dos climas mediterráneo e oceánico”.


Nos contratos que presentaron primeiro Vestas e agora ACS, ofréceselles aos comuneiros “luz gratis para todos” e a posibilidade de comunidade enerxética que tamén sacase partido dunha planta de enerxía fotovoltáica. Vestas xa lle puxo nome ao parque: Cantanarrás. 

As decisións que se tomen en cada un dos concellos, en cada unha das comunidades de montes ou por cada un dos propietarios afectados terán consecuencias para o resto de conveciñas e conveciños


OUTRO MODELO DE FRAGMENTACIÓN
Stop Eólicos Xurés Celanova denunciou en xuño un proxecto eólico en Congostro que partía do límite do LIC Veiga de Ponteliñares, en Rede Natura, e continuaba nunha liña entre os lindes cos concellos de Bande e Verea. Eran 11 aeroxeradores. Ao mes seguinte, a plataforma empezou a alertar sobre outro proxecto eólico en Verea. Os presidentes das comunidades foron citados polo alcalde para se sentar coa empresa. O alcalde (José Antonio Valado, BNG) e o tenente de alcalde (Manuel Fernández, PSOE), socios de goberno, facilitaron os contactos, sostén a plataforma. Aí apareceu o nome de ACS. Eran 7 aeroxeradores que afectaban catro comunidades de montes e terreos particulares. 


Agora, na última quenda de negociacións en Congostro, volveu a aparecer o nome de ACS e un mapa dunha área máis ampla que alcanza Carpazás e Trarigo, en Bande, e Casares, Outeiro e Sanguñedo, en Verea. Hai máis muíños. Son 25. A sumar, insiste Stop Eólicos, aos proxectos do Monte da Neve (Celanova, Verea), con 7; ao polígono operativo no Vieiro (Bande, Verea), 19; e ao plan de Greenalia para o Monte Grande (Bande, Verea), 12. Total, 63. E cunha poboación potencialmente afectada de máis de 9.000 persoas, os habitantes todos de Bande, Celanova, Rairiz e Verea, subliñan os activistas.

"As decisións que se tomen en cada un dos concellos, en cada unha das comunidades de montes ou por cada un dos propietarios afectados terán consecuencias para o resto de conveciñas e conveciños", conclúe a plataforma. 

NOTICIAS A LIMIA | Alertan dun macro-parque entre Rairiz, Bande e Verea que afecta dúas...