martes. 08.10.2024

“As veciñas e os veciños non sabemos nada de Statkraft”, di o Jesús Gómez, presidente da Comunidade de Montes Veciñais de Man Común de Rebordechao. “Statkraft non se puxo en contacto connosco nin negociou nada desde hai anos. Antes si, mais as súas ofertas non eran satisfactorias para os comuneiros. Agora, desde hai tres anos, o que sabemos, sabémolo polas noticias que van aparecendo nos medios de comunicación. E o último que soubemos foi que no BOE do pasado 26 de xullo saíu a exposición pública o Estudio de Impacto Ambiental modificado do Parque Eólico Rebordechao. E iso que lle pediramos expresamente á empresa que cambiase o nome, que en Rebordechao non sabemos nada dise proxecto”. 


REBORDECHAO. Rebordechao é a última aldea ao leste de Vilar de Barrio sobre as faldras da Serra de San Mamede. Enclavada entre o incipiente río Arnoia e o regato do Corgo do Folgueiro, é unha sucesión de casas a un e outro lado dun camiño que sobe. A media mañá deste martes, dous veciños recollen cebolas nunha pequena horta inclinada entre a estrada OU-111 e o Arnoia. Un deles reside en Barcelona. Volve cada verán, e tamén no inverno agora que está xubilado. Marchou no ano 72 con 18 anos. Antes, case neno, plantou piñeiros que xa levou o lume entre A Cabreira e A Boqueira, por onde baixa o regato do Folgueiro. “Antes, nos invernos, pasabamos semanas atrapados pola neve. O gando estaba abaixo, na Ermida. E metiamos a palla e as vacas nesas cortes. Pero un ano a Ermida estivo 45 días con neve. Fomos os homes facerlle un carreiro para que as vacas puidesen saír. Aqueles invernos xa non os hai”. Hoxe en Rebordechao viven todo o ano 22 veciños. E hai 24 comuneiros, porque dous máis cumpren os días de residencia necesarios. O monte da Comunidade de Montes Veciñais de Man Común ocupa 1.900 hectáreas. O proxecto de Statkraft debuxou sobre eses montes o seu polígono.


O PROXECTO. O proxecto inicial de Statkraft consistía nun polígono eólico de 28 aeroxeradores de 120,9 metros de altura até o buxe e 158 metros de diámetro de rotor, cada un con 5,5MW de potencia  instalada. Ademais da infraestrutura asociada e da subestación, proxectábase unha liña aérea de 220 kV até a subestación do P.E. Sil cunha lonxitude de 20,31 quilómetros. Despois da primeira exposición pública e das alegacións en contra, entre elas, as de comunidades de montes como a de Rebordechao e a de Arnuíde, ademais da negativa da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a compañía vén de reformular o proxecto. Agora elimina 3 aeroxeradores e muda o enclave doutros tres, ademais da subestación. Incrementa a potencia de cada máquina até os 6,16 MW, “a fin de aprovechar al máximo el recurso eólico disponible”, di a empresa. As novas máquinas serán ademais máis altas: cun diámetro de rotor de 170 metros e unha altura até o buxe de 130; é dicir 215 metros até a punta da pa. 


Segundo o EIA modificado do polígono, nun radio de 2 quilómetros ao redor de Rebordechao ficarían os aeroxeradores número 8 (nos Paraños, ao norte), nº 12 (na Petada das Paredes, ao sur), nº 15 (no Sabugueiro, ao noroeste). Non son as máquinas máis próximas a poboacións: Correchouso, O Navallo e Toro terían aeroxeradores a menos de 1,5 quilómetros. Mais os comuneiros de Rebordechao non temen os eólicos. Eles xa asinaran un contrato cunha empresa que ía colocar 8 máquinas, “máis pequenas e por baixo da cota dos 1.425 metros, para non tocar as cimas e derramar a paisaxe”, no seu comunal. Por iso se opuxeron ao P.E. Rebordechao que promove Statkraft.

Mais os comuneiros de Rebordechao non temen os eólicos. Eles xa asinaran un contrato cunha empresa que ía colocar 8 máquinas, “máis pequenas e por baixo da cota dos 1.425 metros, para non tocar as cimas e derramar a paisaxe”, no seu comunal. 

“Hacemos constar nuestra disconformidad con el proyecto presentado por la empresa promotora, lo que ya se le ha transmitido al promotor por esta Comunidad de Montes en varias ocasiones, expresándole el rechazo que genera su proyecto en nuestra comunidad, que se ha realizado sin tener en cuenta la opinión y los intereses de esta Comunidad de Montes”, conclúe o escrito de alegacións dos comuneiros de Vilar de Barrio ao proxecto inicial de Statkraft, asinado en Vilar de Barrio o 15 de febreiro do ano pasado.


Os comuneiros de Rebordechao tiñan un contrato, “nunhas condicións que visto o visto podemos considerar boas” con aquela outra empresa, FE Energy, que pretendía instalar “un parque máis pequeno”, subliña Jesús Gómez. Mais hai un mes chegou un correo de FE Energy. “Hemos quedado profundamente decepcionados por el hecho de no poder continuar con los estudios y tramitación del parque eólico que teníamos inicialmente proyectado sobre vuestros terrenos. (...) el motivo obedece a la reciente aprobación de la nueva planificación de la red de transporte de energía eléctrica (...) Red Eléctrica de España publicó recientemente la totalidad de capacidades disponibles a nivel nacional, adaptadas en función de la nueva planificación energética aprobada por el Gobierno hasta 2026, habiendo comprobado con profundo pesar, que no ha salido publicada capacidad en ninguna subestación próxima, con capacidad disponible y que permita una conexión que resulte viable económicamente, para poder materializar nuestro proyecto de parque eólico en vuestros terrenos, a lo que hay que sumar el hecho de la problemática que supone que los terrenos de vuestro monte estén fuera del Plan Sectorial Eólico de Galicia”, explicaba a compañía.

mapa impacto paisaxe buffer
Mapa de impacto paisaxístico segundo a visibilidade dos aeroxeradores nun radio de 10 quilómetros ao redor de cada máquina. | EIA PE Rebordechao

Así que Rebordechao fica de momento sen eólicos. O de FE Energy non se tramitará. O de Statkraft presenta algunhas discrepancias co que queren os veciños, a máis notábel, non superar determinada cota de altura. O último contacto que os comuneiros de Rebordechao tiveron con persoal de Statkraft foi a finais do ano pasado en Laza, nunha reunión á que foron convocados por A. Graña, un consultor de comunidades de montes que aparece en todas as salsas (por exemplo, nos plans de Greenalia para levantar varios parques e unilos cunha liña de alta tensión de 42 quilómetros ao outro lado da Limia). 


Hai apenas uns días que Jesús Gómez informou nunha asemblea da comunidade da renuncia de FE Energy. Asistiron comuneiros e veciños de vacacións. “A xente que está fóra que di? Que si é bo para a aldea e os que estamos aquí todo o ano os queremos, que os muíños están ben”. Antes do día 7 de setembro deberán decidir se se volven opoñer a Statkraft ou esperan por unha oferta. 
 

NOTICIAS A LIMIA | Statkraft volve sobre Rebordechao (I): o que din os veciños