Xoves. 28.03.2024

Polo futuro do vacún de carne. Na defensa das nosas comarcas, así se chama a campaña a nivel de país que o Sindicato Labrego Galego (SLG) presenta este mércores (12.30 horas na praza de Carlos Casares) en Xinzo de Limia, que incluirá a entrega ás formacións políticas da corporación municipal “dunha batería de medidas a activar de xeito inmediato para abordar a crise na que a alza de custos de produción, os baixos prezos ás produtoras e a falta de asunción de responsabilidades por parte das administracións teñen sumidas ás granxas de vacún de carne do noso país”, informa a convocatoria.

Samuel Formoso, responsábel do Sector Vacún de Carne no SLG, gandeiro limiao cunha explotación de máis de 90 vacas e 30 anos de experiencia en Gomareite (Vilar de Santos), onde ademais é tenente de alcalde, será o encargado de lanzar a campaña. Formoso cría rubia galega (“unha variedade máis rústica porque empecei con catro vacas da casa e fun comprando despois outras aos paisanos de por aquí, son máis parecidas á limiá”) en “semi-extensivo”, porque durante un tempo estabula os becerros coas nais. Produce dentro da Indicación Xeográfica Tenreira Galega. “A calidade suprema”, matiza. 

Precisamente a política de Tenreira Galega é unha das denuncias que eleva o SLG diante das Xunta de Galicia. Nos supermercados non se diferencia o produto da calidade normal, asegura Formoso. “Os becerros van ao matadoiro aos oito ou nove meses despois dunha crianza coas nais, parte da súa alimentación obtéñena das nais. Por iso a diferencia de calidade. Mais nos supermercados a calidade normal está ao mesmo prezo. Compran máis barato e cobran o mesmo, así que promocionan a normal. O que pedimos é unha diferencia clara para que o consumidor aprecie xa desde o etiquetado o noso produto, e unha campaña de divulgación da suprema”.

“A publicidade sempre é un becerro mamando dunha vaca”, apunta Formoso, “así que os produtores de suprema facemos a publicidade, pero o que se promove é a venda doutra carne”, e insiste en que a gandaría en extensivo ten beneficios para o territorio, como o coidado das fincas e a fixación de poboación nas aldeas que no xera a gandaría  industrial. “É a forma tradicional de traballar neste país”.

O MOMENTO
Samuel Formoso fala dun momento “crítico” para a gandaría, e explica que os estudos da Xunta sobre os custes de produción (que inclúen as subvencións) determinan que o quilo de carne de vacún sae a unha media de 6,20 euros, mentres os produtores están vendendo por unha media “entre 4,80 e 5,40 euros”. “Estamos vendendo a perdas, pero o peor é que eses datos da Xunta toman como referencia os prezos do combustíbel ou da herba do ano pasado”.

“Nesta situación, haberá explotacións que poidan acabar pechando. No SLG aínda non detectamos que haxa xente desfacéndose das vacas, fálase... pero pode chegar ese momento”

A seca agravou as cousas no 2022. O SLG estima que a produción no país viuse reducida nun terzo. Na experiencia directa na Limia, Formoso estima que a cousa é máis grave: “Aquí a baixada pode chegar aos dous terzos”. Na súa explotación están tirando do estaban gardando para o inverno. Así van superando o verán. “A partir de agora non sabemos de onde imos ter que traer a herba nin canto vai custar. Un bolo que o ano pasado custaba entre 15 e 20 euros, hoxe está a 30 euros. Os plásticos subiron case o dobre. O gasóleo pasou nun ano de 0,60 o litro a 1,50 euros. Nesta situación, haberá explotacións que poidan acabar pechando. No Sindicato aínda non detectamos que haxa xente desfacéndose das vacas, fálase... pero pode chegar ese momento”. 

O Sindicato Labrego Galego reclamará ademais ás Administracións que lexisle para que “a sociedade axude a manter a gandaría e a agricultura que coidan do territorio... se se quere que quede xente no rural, cousa que cada vez poño máis en dúbida porque igual o que somos é un freo para que veñan especular coas terras as empresas dos eólicos ou da fotovoltaica”.  

Contra a crise, o Goberno do Estado vén de sacar unhas axudas para os gandeiros, mais as explotacións en extensivo foron discriminadas. “Ofrecen 52 euros por vaca, pero exclúen os xatos. Os gandeiros de ceba si cobran polos xatos. Non se entende”. A campaña do SLG pedirá que se revise esa decisión. Mentres, tralo anuncio da Xunta de que haberá unha liña de axudas en paralelo, pedirán ao executivo autonómico que teña en conta esta situación. 

Vacas Gomareite. Carne suprema (1) (FILEminimizer)
Vacas na explotación de Samuel Fornoso en Gomareite.

MESA SECTORIAL, MATADOIROS E FONDO PARA CONTINXENCIAS 
A principal demanda dos gandeiros é a creación dunha mesa do sector, que poida analizar os custes en cada momento e tomar decisións. “Queremos esa mesa para que cando se fagan os estudos de custes, estes informes teñan un efecto sobre o que pasa. Que a Administración sexa áxil para introducir os cambios precisos”, di Formoso. 


Tamén piden que as axudas polos ataques de fauna protexida ao gando cubran o cento por cento da perda, que se recuperen os matadoiros comarcais para abaratar custes e ofrecer garantías para a venda directa e que se dote un fondo para que as axudas económicas en situacións de crise, como a seca, se activen o antes posíbel “e non haxa que esperar un ano para recibir esa axuda para poder sobrevivir”.

NOTICIAS A LIMIA | O SLG lanza en Xinzo a súa campaña en defensa do vacún de carne