martes. 08.10.2024

O venres os irmáns Forri (Pablo e Juan González Feijoo) reuníronse co presidente do Antela, Pablo Losada, e comunicáronlle a decisión que tiñan tomada: retirarse do fútbol en activo. Cada un ten os seus motivos. Pablo, o maior, arrastra varias lesións e as doenzas nos nocellos aconsellan parar. Juan, o menor, opta por centrarse na súa faceta de adestrador dos xuvenís. 

Despois do ascenso, o segundo para ambos, que tamén participaron do éxito no 2018, os Forri poñen fin a súa etapa como futbolistas con máis de cen partidos no primeiro equipo do Antela e desempeñando roles importantes no equipo. 

Esta tempada, Pablo Forri, mediocampista defensivo, empezou como titular e mantívose despois da chegada de Óscar Sabucedo. Na fase de ascenso xogou sete partidos, seis desde o inicio. Pola súa parte, Juan Forri, lateral esquerdo, mantívose no once até que Sabucedo decidiu establecer a Tazos na súa banda natural. Juan Forri disputou cinco partidos da fase de ascenso e foi titular en tres, dous deles xogando como central. 

Pablo e Juan Forri
Pablo e Juan Forri, en partidos este ano na Moreira. 

A saída dos Forri deixa a Joni como único capitán nestes momentos. A continuidade do extremo está garantida. Joni foi o futbolista máis regular do Antela nos últimos meses de competición. E foi clave na fase de ascenso, durante a que anotou seis goles en sete partidos. Con 28 anos, Joni comezará nuns meses a súa sexta tempada no club da Moreira.

O resto do cadro de xogadores está pendente de manter encontros individuais coa directiva. O Antela coñece o interese de distintos clubes por Suso, Quintairos e Xabi Lamas. Fontes da directiva sinalan que a prioridade é manter a base do equipo desta tempada e que o grupo (un grupo "san e unido" como di o técnico) sexa tamén un incentivo para a continuidade de determinados futbolistas.

A saída dos Forri deixa a Joni como único capitán nestes momentos. A continuidade do extremo está garantida.

O Antela está pendente ademais de manter unha reunión co grupo de goberno do Concello de Xinzo de Limia. A xuntanza prevista para o pasado xoves adiouse por problemas de axenda do goberno de Elvira Lama. O Antela recibe unha subvención de 13.000 euros das arcas municipais. Case a metade, 6.000 euros, van destinados ao mantemento das instalacións. O club espera que a achega municipal se incremente de maneira notábel, en relación ao esforzo que fan vilas como Verín ou Barbadás cos seus respectivos equipos.

A alcaldesa, Elvira Lama, xa manifestou a súa predisposición a aumentar a axuda. O principal grupo da oposición, o PP, está de acordo.

AVANCE | Pablo e Juan Forri, capitáns do Antela, retíranse do fútbol