jueves. 25.04.2024

Na campaña 1989-90, que rematou cunha derrota na Moreira contra o Pontevedrés (0-3), Toncho era unha das estrelas do Antela. Aquel xuño de Mundial en Italia (que non puido gañar Maradona), o Antela pechou un ciclo de seis tempadas tempadas seguidas na quinta categoría do fútbol estatal.    


Na tempada 2022-23, cun Mundial en Qatar en inverno (xa morreu Maradona), Toncho é adestrador do Antela Xinzo, un filial de recente creación, e o primeiro equipo debuta na Liga do regreso a Preferente (que xa non é a quinta división, senón a sexta) contra o Pontevedra B. 


Hai 33 anos daquela última tempada en Preferente, houbo outros ascensos e descensos, mais A Moreira segue sendo A Moreira e o club xa cumpriu 101 anos. Desta volta, o Antela chega advertido despois do acontecido na campaña 18/19. “Sentímonos fortes”, di o presidente Pablo Losada a noite do xoves, mentres no campo xogan un partido o Antela contra o Antela Xinzo; Óscar Sabucedo nun banco, Toncho noutro. 


Hai apenas oito meses non existía o filial, o primeiro equipo tiraba de xuvenís para completar un once. Sabucedo colleu o Antela en moi mala situación en xaneiro e en marzo meteuno na fase de promoción de ascenso. Dous meses máis tarde proclamábase campión, e en xuño xa estaba asinando reforzos. “Sentímonos fortes porque a pretempada foi forte. Estamos preparados”, di o presidente Pablo Losada. O club pegou un estirón, falta que os resultados midan ese crecemento.

“Sentímonos fortes porque a pretempada foi forte. Sentímonos fortes porque o apoio social, discreto e constante, danos alento. Estamos preparados”, di o presidente (que desexa un 2-1 o domingo). 

Mañá domingo, ás 17:30 horas (o club recomenda a socias e socios acudir con tempo para empezar a recoller os carnés) o Antela de Óscar Sabucedo estréase na Liga diante dun filial, o Pontevedra B, do que se sabe pouco e do que se esperan grandes dificultades. “Aposto por un 2-1”, expresa o presidente este xoves despois dunha ducha tras unha tarde de traballo na Moreira. “Sentímonos fortes”, insiste, “porque o apoio social, discreto e constante, danos alento”. 

A aposta da directiva foi Óscar Sabucedo. O técnico que conseguiu rescatar un ascenso improbábel, a autoestima dos xogadores e mesmo ofreceu un fútbol ambicioso, tamén apostou. A directiva quería un Antela limiao; o técnico, tres ou catro pezas, para competir en Preferente. O obxectivo acordouse rápido: a permanencia. Da lista de Sabucedo foron chegando Noel, Romero, Peral, Fabio... Da lista de limiaos algúns non chegaron, pero si Juáncar, Carlos, Anxo, Xosé... 


Sabucedo e Toncho reparten cartas. No filial empezarán a tempada algúns dos máis novos, mais o camiño do Fernández Carrera até A Moreira son apenas vinte pasos. Anxo, por exemplo. Outros, como Tiago Teixeira parecen asentados no equipo A. Sabucedo non se corta cos xuvenís e desexará repetir co central o éxito da pasada campaña con Xabi Lamas. 


A pretempada deixou un par de goleadas e un digno partido diante da UDO no Trofeo Lagoa de Antela. Tamén a confirmación de que Sabucedo apostou sobre seguro (Noel e Peral sobresaíron) e que a pescuda limiá da directiva tamén pode ter resultados interesantes (Juáncar, Carlos, ou mesmo Anxo).


Polo visto neste mes de preparación, o once de Sabucedo para o debut no diferirá moito do que forman Suso, na portería; Romero, Juáncar, Quintairos e Tazos, na defensa; Noel, Fabio e Peral no medio; Carlos e Joni, nas bandas; e Borja, como nove. Dous defensas (Breixo e Teixeira); dous medios (Xabi Lamas e Pedro) e un dianteiro (Tumbeiro), parecen as primeiras alternativas. Xosé, Carrasco e Sergi, xunto ao meta Dalama, completarían un cadro de 20 futbolistas que se reforzaría con outros que parecen destinados a empezar no filial. Entre eles, Peque, Aarón, Adrián, Anxo e David Lamas fixeron parte da preparación co primeiro equipo. 

A primeira convocatoria para a Liga que promete ser o inicio doutra época semellante a aquela dos anos oitenta, hai 33 anos cando A Moreira xa era A Moreira, revelará as intencións do adestrador, moi prudente nas súas valoracións previas. “Non temos indiscutíbeis”, dixo o técnico esta semana. Noel e Fabio, dúas das novidades, expresáronse na mesma liña nada máis chegar: “O importante é ter un grupo forte, e que ninguén se sinta titular”.


A LISTA: SEN PERAL
Despois dunha pequena celebración de fin da preparación onte na Moreira, o Antela fixo pública esta mañá a lista de convocados para o partido contra o Pontevedra B. Non están Breixo, Teixeira, Sergi e Carrasco, por decisión técnica, nin Peral, por un atraso co transfer (o mediapunta xogou en Polonia a última tempada). Sabucedo dá entrada a Anxo, Peque e Adrián. A convocatoria está formada por Suso e Dalama (porteiros), Romero, Peque, Tazos, Adrián, Juáncar e Quintairos (defensas); Noel, Fabio, Xabi Lamas, Pedro e Xosé (centrocampistas); Anxo, Joni, Carlos, Borja e Tumbeiro (dianteiros).


A COPA
O Antela coñeceu esta semana o seu rival na primeira eliminatoria de Copa. Será o Pabellón de Ourense, equipo de Primeira galega. O cruce resolverase a partido único en campo do rival. O resto de equipos limiaos, todos na Segunda galega, xogarán a primeira eliminatoria como locais. Os partidos previstos para o 12 de outubro son: Sarreaus-Pontedeva; Piñeira Seca-Sporting Carballiño; e Vilar de Barrio-A Bola.


O RESTO DA XORNADA LIMIÁ
Na Segunda galega a Liga tamén comeza esta fin de semana. Os partidos dos equipos limiaos, todos o domingo, son os seguintes: Espadana-Piñeira Seca (17:00 horas, campo dos Cagallas); Molgas-Vilar de Barrio (17:00, na Chaira); Sarreaus-Rocas (17:00, en Sarreaus); e Parada de Sil-Antela Xinzo (17:30, Os Torgás).

FÚTBOL A LIMIA | O Antela, diante do seu teito