lunes. 07.10.2024

Pisto marcou de penalti o último gol do Antela na Liga provincial. Marcou o quinto do Antela nos últimos minutos dun partido que estaba ganado e supoñía o quinto ascenso (e o cuarto título de campión da división). Pisto correu cara o córner celebrar cos seus amigos, a maioría xa retirados do fútbol. Despois cortou a coleta. O Antela dixo adeus á provincial. Empeza unha nova historia.

A Moreira rexistrou a mellor entrada da tempada nunha tarde ventosa e que ameazaba chuvia. Sabucedo dispuxo o seu once titular, con xogadores xa no límite (Suso e Pedro) e o equipo cumpriu desde o inicio as ordes do técnico: concentración e humildade. O fútbol local, menos dinámico do habitual, empezou o partido atado pola responsabilidade do momento.

Así que o Antela dominou por vontade e ameazou a balón parado. Antes do gol xa tiña enviado dous balóns aos paus. O partido era o Antela contra si mesmo, porque o Sp. Carballiño ten unha defensa lenta que xoga adiantada. No minuto 14, Borja resolveu na área pequena despois de varios disparos e despexes. Os visitantes reclamaron mans. O árbitro concedeu o gol e castigou a Martín Pérez cunha amarela. O Sporting Carballiño foi menos fero que na ida porque entendeu rápido que o acoso (verbal) ao colexiado e aos rivais non ía funcionar.

O Antela soltouse apenas uns intres. Despois o fútbol seguiu como a tarde, de chumbo. Era o Antela contra os seus nervios. E cometeu algúns erros que abriron vías para que os visitantes ameazasen co empate. Á media hora, Sabucedo decidiu que Xabi Lamas, sen participación porque o Antela non daba dous pases seguidos, ocupase a posición de medio centro. O Antela repousou o xogo e no 44 Borja cazou un centro que se lle quedara atrás. O xesto deixou ao dianteiro cun remate franco no borde da área pequena. Non fallou. 

O Antela comezou a segunda parte mirando ao ceo, esperando a que non caese unha tormenta, e deixar pasar a tarde... Pero os visitantes non se renderan. Aos dous minutos, Decabo anotou de disparo cruzado tras unha internada rápida polo lado esquerdo da defensa local. Joni, con pouca presencia até eses minutos, devolveu o sosego á grada pouco despois marcando o terceiro. Pero o Carballiño insistiu e nunha segunda xogada, esas que castigaron ao Antela toda a Liga, Decabo anotou o segundo dos visitantes.

A Moreira volveu mirar o ceo e pensou que igual si, que habería tormenta. Foron quince minutos difíciles. O último castigo antes da festa. A festa empezou con Sergi alcanzando un balón ás costas da defensa no extremo dereito e esperando a chegada de Joni, que ganou a carreira a todos. Pase e gol. 4-2, minuto 68. Aí o Carballiño baixou os brazos.

Sabucedo xestionou con cambios os minutos finais. Pisto xa estaba no campo. Entraron Pancho, David Lamas, Carballo e Carrasco, protagonistas todos eles de momentos claves nos partidos destes últimos meses, desde a vitoria diante do Cartelle, o triunfo en Celanova, e os oito partidos desta segunda fase. 

Sabucedo xestionou con cambios os minutos finais. Pisto xa estaba no campo. Entraron Pancho, David Lamas, Carballo e Carrasco, protagonistas todos eles de momentos claves nos partidos destes últimos meses, desde a vitoria diante do Cartelle, o triunfo en Celanova, e os oito partidos desta segunda fase.

Foi unha tempada intensa, aínda marcada pola covid até xaneiro, cunha afección reticente que se foi recuperando a medida que se abriu a posibilidade real de ascenso naquel durísimo partido na Moreira diante do Vilariño, cun gol de Joni. O home máis regular do ataque branquinegro, que abriu e pechou o último capitulo da historia do Antela en Primeira, antes de que Pisto cortase a coleta e os cabos coa categoría.

O Antela xa é de Preferente grazas a un equipo que xogou como bloque, paciente e tan convencido das súas virtudes como atento a tapar os seus defectos.

Foi a tempada na que Xabi Lamas pasou de promesa a realidade. Aquí hai madeira, niso coinciden todos na Moreira. Foi a tempada que o equipo se sostivo nos ombreiros de Suso, Brexio e Quintairos, na pausa de Pancho, na forza de Pedro, no traballo dos Forri e doutro xuvenil, Peque, que librou unha batalla en cada partido, intenso, serio, xeneroso. Foi a tempada na que Borja Tazos exhibiu o seu talento en cada toque. Aínda lle queda pista.

Foi a tempada de Borja, con moito traballo na mina e algúns goles decisivos, e a de Sergi, constante, e a de Joni, o punta máis enfilado de todos. A tempada na que outros dous xuvenís, David Lamas e Carballo, estrearon a gloria e o perdón. Iso pasa no fútbol dun minuto a outro. Ás veces, cousa duns centímetros. Lamas mandou ao pau un remate medio mordido no tempo de desconto en Vilariño. Acabou dentro. Aquel día tocou gloria. Carballo foi protagonista involuntario dun penalti que o árbitro tivo ganas de pitar no desconto do partido no Carballiño. Dous puntos que voaron e que o equipo volveu cazar no Pereiro.

Foi a tempada que o equipo se sostivo nos ombreiros de Suso, Brexio e Quintairos, na pausa de Pancho, na forza de Pedro, no traballo dos Forri e doutro xuvenil, Peque, que librou unha batalla en cada partido, intenso, serio, xeneroso. Foi a tempada na que Borja Tazos exhibiu o seu talento en cada toque. Aínda lle queda pista.

Os Lamas, Peque e Carballo están no seguinte capítulo da historia do Antela. Este acabou co corte de coleta de Pisto. Acaba unha etapa. Adeus Primeira adeus, cantaban os xogadores na celebración sobre o céspede. Os técnicos son apreciados. Os números indiscutíbeis. A concentración, a humildade, o traballo deron o seu froito. Non sempre pasa. A afección está de volta. Ola Preferente. 

FICHA TÉCNICA 

ANTELA: Suso, Peque (Pisto, 65'), Breixo, Quintairos, Borja Tazos, Pablo Forri (Pancho, 65'), Xabi Lamas (Carballo, 77'), Pedro (Carrasco, 89'), Sergi, Borja (David Lamas, 72') e Joni.

SP. CARBALLIÑO: Lalín, Diego, José (Decabo, 46'), Otero, Jacobo (Robin, 46'), Cristian (Said, 67'), Portos (Rubén, 46'), Martín Pérez (Xosé Lois, 46'), Noel, Alejandro e Adrián.

GOLES: 1-0, Borja (14'). 2-0, Borja (44’). 2-1, Decabo (47'). 3-1, Joni (51'). 3-2, Decabo (53'), 4-2, Joni (68'). 5-2, Pisto (89', de penalti).

ÁRBITRO: Ero Rodríguez. Auxiliado por Rodríguez Graña e Boimorto Blanco. Sancionou con tarxetas amarelas a Pisto (44'), polos locais; e, polos visitantes, a Martín Pérez (14’), Diego (16'), Jacobo (42'), Alejandro (72'), Otero (75') e Xosé Lois (86').

ESTADIO: A Moreira. Uns 800 espectadores.

 
OUTROS RESULTADOS 

Celanova, 4; A Peroxa, 0.
Barbadás B, 3; At. Vilariño, 2.
Allariz, 1; Maside, 0.

CLASIFICACIÓN FINAL

taboa
taboa

FÚTBOL A LIMIA | O Antela empeza unha nova historia