jueves. 25.04.2024

O Antela xoga mañá en Pereiro de Aguiar (17:00 horas, O Medo) diante do Atlético Vilariño un partido correspondente á quinta xornada da fase de ascenso a Preferente, unha final. 

Son baixa Belucho, Manu, Quintairos, Germain e Pancho. O central, lesionado no encontro co Maside, non empezará a adestrar até a semana que vén. Volven entrar na convocatoria David Lamas e Pablo Nogueiras, e regresa Pisto. 

O técnico, Óscar Sabucedo, analiza o partido e as posibilidades de ascenso do Antela. “Non é que esta sexa unha final, todos os partidos de esta fase foron unha final. Pero si é certo que de non gañar mañá, quedariamos sen opcións... O cento por cento das nosas opcións pasan por unha vitoria. Non queda outra”. Fala Sabucedo:

O rival (e o campo)
No partido da primeira volta puxéronnolo moi difícil. Coñezo ao seu técnico e intuía que ían xogar así. E penso que mañá non han cambiar. Son un equipo moi forte atrás, e que fará un fútbol directo. Por riba, o campo é pequeno. Non tanto como o do Paderne (último rival na Copa), pero bastante pequeno. Desexo que o árbitro estea acertado e non sexa un factor determinante. 

O Allariz, favorito
Nestes momentos vexo ao Allariz como favorito ao ascenso. É o bloque máis compacto. Para nós o ascenso está difícil. Estamos a tres puntos do liderado e con só 12 puntos por se disputar. Ademais, temos a tres equipos por diante. Terían que fallar Allariz, A Peroxa e Celanova... Non creo que fallen os tres. E nós non podemos cometer ningún erro. Está difícil.

Os problemas co gol
A valoración xeral dos catro partidos do Antela na primeira volta é positiva. Na Peroxa non merecemos perder. Pero é certo que necesitamos crear moitas ocasións para facer un gol. No Carballiño, debemos gañar. Tivemos ocasións para pechar o partido e non o fixemos. Temos un problema co gol. E iso impediunos ter mellores resultados fóra.  

O Antela, a facer o seu
Pouco podemos variar. Imos co que temos, e imos facer o noso xogo, que é o mellor que sabemos facer. Xogar. O de Quintairos é un problema, por suposto. Temos tres centrais no equipo e un está lesionado.

antela cartelle 1 (22)
Borja, celebra con Quintairos e Pedro un gol. A eficacia no remate é un dos problemas que máis lle preocupa a Sabucedo.

No resto da xornada, o Allariz visita na Uceira ao Sporting Carballiño; o Celanova xoga en Maside; e o A Peroxa recibe ao Barbadás B. Na clasificación, Allariz e A Peroxa suman 12 puntos; o Celanova, 11; e o Antela ten 9. 

No Grupo 3 de Ourense da Segunda división, o Vilar de Barrio recibe ao Vilardebós e as Escolas Deportivas de Xinzo, ao Paderne. O Piñeira Seca visita en Oímbra ao Bubal. O Piñeira Seca marcha cuarto a un punto do Viana (terceiro) e a catro puntos das prazas de ascenso.

FÚTBOL A LIMIA | Unha vitoria ou nada