O presidente provincial presentou o balance da metade de mandato no corazón da Ribeira Sacra

Luis Menor cualifica os seus dous primeiros anos de Goberno provincial como “o mandato dos fitos históricos”

Luis Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense, este martes en Santo Estevo.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, fixo balance dos dous anos de goberno provincial nun acto simbólico celebrado no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, onde definiu este período como "o mandato dos fitos históricos". Referiuse así aos avances acadados en financiamento, cooperación institucional, captación de fondos europeos, políticas sociais, termalismo e promoción turística.

 

Menor destacou como primeiro gran fito a superación dos 100 millóns de euros no orzamento provincial de 2025, dos que 63,6 millóns se destinaron a financiamento directo para concellos, cifra récord na historia da Deputación. Subliñou tamén a integración do Plan CooperOU (18 M€) no orzamento, a débeda cero, e a liquidación do debido a Meisa (1,5 M€).

Luis Menor fixo balance dos dous anos de mandato á fronte da Deputación de Ourense. | FOTO: Noelia Caseiro.

No eido social, resaltou a nova política de subvencións (3,2 M€ mobilizados), o impulso ao Servizo de Axuda no Fogar (1,45 M€), a Teleasistencia (3.000 usuarios previstos a final de ano), e programas como ChegOU ou o 8M mes a mes. Tamén anunciou un Plan provincial de Vivenda cunha dotación inicial de 500.000 euros.

 

Un dos logros principais foi a captación de 18,4 millóns de euros en fondos europeos, con proxectos como o PERTE da auga (7,75 M€) ou a dixitalización administrativa (4 M€). A Deputación aspira a acadar outros 12,7 millóns para actuacións en Valdeorras e Ourense Sur.

 

O presidente tamén salientou a colaboración institucional con outras administracións, especialmente coa Xunta de Galicia (15,5 M€ en proxectos conxuntos), e con Portugal no ámbito transfronteirizo, particularmente na reserva da biosfera Gêres-Xurés.

Os 11 deputados provincias do Partido Popular acompañaron a Luis Menor. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

O apoio ao tecido empresarial tamén foi clave neste bienio, con programas como ExportOU (80.000 €), AcelerOU (148 empresas apoiadas), e proxectos de infraestrutura como o estacionamento seguro en San Cibrao (financiado nun 40 % pola Deputación).

 

En formación e cultura, Menor fixo referencia á primeira promoción de FP Dual da provincia, a Feira de Educación, o OUFF ou as máis de 2.000 actividades no Centro Cultural Marcos Valcárcel. En deporte, destacan programas como o Fomento Deportivo (3.000 nenos participantes) e eventos de proxección nacional con 1 M€ de investimento.

 

No ámbito ambiental, a Deputación promove a compostaxe, o uso de puntos limpos e a reutilización de auga non doméstica, con experiencias piloto en Valdeorras. Tamén se avanzou en políticas de termalismo como motor de saúde, benestar e dinamización territorial.

 

Luis Menor concluíu subliñando a "política de diálogo" co resto da Corporación, con case o 30 % das mocións aprobadas por unanimidade, e avanzou que no que resta de mandato se seguirá apostando pola intelixencia artificial, o apoio ás mulleres emprendedoras co programa EmprendOU en Feminino e a expansión do modelo de xestión da auga da comarca de Valdeorras.

 

Tamén se puxo o foco en consolidar un modelo propio de termalismo e en lograr que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial da Unesco no ano 2026.