martes. 08.10.2024

Elvira Lama, a alcaldesa socialista Xinzo de Limia, dedicou a tarde do sábado e a mañá do domingo a exercer de anfitriona dos candidatos do seu partido á Secretaría Provincial. A elección ventílase nuns días, e Rafa Vilariño (que se presenta á reelección) e Alfredo García estiveron onte e hoxe falando para a militancia limiá. Buscaron complicidades e votos. Ambos comparten un mesmo obxectivo: sacar a Baltar da Deputación de Ourense, mais antes deberán enfrontarse nas urnas para determinar quen lidera ao PSOE na provincia na longa campaña das municipais de 2023 que arrancou xa co novo ano. 

O ton da disputa entre Vilariño e García está sendo correcto. O sábado, Vilariño reuniu á militancia nun hotel. García optou este domingo polo salón de actos da Casa da Cultura de Xinzo. Elvira Lama fixo as presentacións. E foi agasallada polos dous candidatos con palabras de recoñecemento á súa constancia e ao seu papel actual nun goberno de catro formacións.

Acto de Rafael Vilariño o sábado en Xinzo con Elvira Lama e militancia socialistaRafa Vilariño, con Elvira Lama e militancia socialista o sábado. | FOTO: Campaña de Rafa Vilariño.

O Diario do Limia asistiu o discurso deste domingo de Alfredo García. Chegou o alcalde do Barco -ex presidente da FEGAMP entre outras anotacións no seu currículo- vinte minutos antes acompañado por media ducia de persoas que compoñen o seu equipo e ruta, con tempo para tomar un café e saudar sen présas á militancia.

"O municipalismo é a peza fundamental do sistema político. Todo o que lle pasa á xente, pásalle no seu concello. A única porta que as veciñas teñen para petar nela é a porta do seu concello. As demais portas non existen", dixo García, 22 anos á fronte da alcaldía do Barco de Valdeorras, antes de reclamar do Estado e da Deputación melloras no financiamento dos concellos. E despois declarou as súas intencións: "Quero ser secretario provincial para que a Deputación trate a todos os concellos por igual, con criterios obxectivos, como pasa en Lugo, Pontevedra ou A Coruña [con gobernos bipartitos de nacionalistas e socialistas liderados por estes]".

Ambos comparten un mesmo obxectivo: sacar a Baltar da Deputación de Ourense, mais antes deberán enfrontarse nas urnas para determinar quen lidera ao PSOE na provincia na longa campaña das municipais de 2023.

"Veño a convencer, non a coller xente do brazo para levalos a votar", dixo o candidato máis veterano dos dous. E deixou unha rápida análise da situación interna do PSOE ourensán. "Non temos un partido unido. Non estamos pletóricos de moral. Estamos apáticos, e quero a todos cargados de moral para cumprir os nosos obxectivos". O primeiro: destronar a Baltar. Unha meta que pasa, subliñou, "pola cidade de Ourense, onde se poden subir mil, dous mil ou tres mil votos".

Acto de Alfredo García en Xinzo. PSOE. Elvira LAMA (1)Elvira Lama, durante a presentación este domingo de Alfredo García na Casa da Cultura.

García deixou tamén unha resposta para quen din que vai maior (este ano cumprirá os 69). "É evidente que eu non son o futuro do partido. Pero isto non vai do meu futuro ou do futuro doutros. Vai do futuro do partido. O que quero é formar un equipo con xente nova. Quen ten que ter futuro é o partido. E contaremos con todos os que queiran traballar por ese futuro".

"Pode ser unha aposta romántica... pero así empezamos no Barco hai 22 anos. Prometo que seremos un equipo pegado as agrupacións locais, moi próximo á militancia. E o que prometo, fágoo. Fíxeno como alcalde e fareino como secretario provincial", concluíu o candidato. Malia a temperatura, foi un acto cálido. Despois, a vintena de militantes marcharon xuntos tomar un viño antes do xantar.

NOTICIAS A LIMIA | Alfredo García: "Veño a convencer, non a coller xente do brazo para...