O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este domingo a súa primeira Comisión Executiva Provincial tras o 5º Congreso Provincial no que Álvaro Vila foi proclamado novo secretario xeral. A reunión, que tivo lugar na sede do partido na capital ourensá, serviu para trazar as primeiras liñas de traballo dunha nova etapa que aposta por fortalecer a presenza socialista en toda a provincia.
Durante a sesión aprobouse a convocatoria das asembleas intermunicipais, nas que se elixirán os membros que faltan por designar no Comité Provincial. Segundo o previsto, 73 representantes xa foron elixidos no Congreso, mentres que outros 73 sairán das agrupacións locais nas vindeiras semanas.
Tamén se deu luz verde ao reparto de delegados que acudirán ao Comité Nacional Galego, á designación de representantes da CEP na Comisión Provincial de Listas -formada inicialmente por 4 persoas- e á ratificación do nomeamento da nova administradora provincial.

Na súa intervención, Álvaro Vila marcou o ton político da nova dirección, destacando que “imos traballar intensamente no territorio co obxectivo de conseguir un partido máis forte, activo e que recupere músculo en cada comarca e en cada concello”. O líder socialista apostou por unha executiva “baseada no consenso, no diálogo e na unidade”, e asegurou que tanto a militancia como as agrupacións locais terán un papel protagonista no novo rumbo do partido.
Con esta primeira reunión, o PSdeG-PSOE de Ourense inicia unha etapa centrada na reorganización interna e no contacto directo co territorio, coa vista posta en recuperar espazos e confianza nas distintas comarcas da provincia.