O Grupo Provincial Socialista vén de rexistrar unha moción para reactivar con carácter urxente o Comité Ético da Deputación de Ourense, desactivado dende hai máis dunha década. A proposta será debatida no pleno da corporación provincial o vindeiro 30 de maio e busca devolver a vixencia a un órgano clave na garantía da transparencia e o bo goberno na institución.
Segundo defendeu o secretario provincial, Álvaro Vila, "non se trata só de cumprir cunha obrigación legal, senón tamén de recuperar un símbolo de confianza, rigor e compromiso co ben común". O socialista reivindicou o Comité como "un instrumento esencial para resolver conflitos complexos, protexer aos denunciantes e asegurar a fiscalización interna e externa da Deputación",
A moción solicita o nomeamento inmediato dun novo Comité Ético, mediante un proceso público, transparente e participativo, no que a elección dos seus membros estea baseada en criterios de mérito, experiencia, independencia e compromiso co interese público, excluíndo calquera tipo de vinculación cos partidos no goberno.
Ademais, a proposta inclúe a revisión e actualización do regulamento interno do Comité, garantindo a súa autonomía funcional, así como a implantación dun sistema de rotación periódica e renovación progresiva dos seus integrantes. Tamén se contempla dotar o órgano de recursos humanos e técnicos axeitados, e a creación dun informe anual de actividades, accesible á cidadanía.
Dez anos de inactividade
O Comité Ético foi creado en xuño de 2015, baixo a presidencia de Xosé Manuel Baltar, como parte das promesas de transparencia institucional. Porén, poucos meses despois os seus membros dimitiron en bloque trala apertura dunha investigación por presunto acoso sexual vinculado a ofertas de emprego, impulsada polo propio grupo socialista. Aquela crise puxo en evidencia a falta de independencia e blindaxe fronte á presión política.
Dende entón, a Deputación non volveu poñer en marcha este mecanismo, malia múltiples anuncios, mantendo un baleiro institucional nun ámbito fundamental para a credibilidade e ética na xestión pública. "É inadmisible que, nun contexto de crecente esixencia cidadá en materia de transparencia e dereitos, sigamos sen un espazo neutral que fiscalice e garanta o comportamento ético das institucións", concluíu Vila.