viernes. 19.04.2024

[actualizada 22:00 con declaracións da alcaldesa]

Ao día seguinte de que a Xunta de Galicia fixese público o proxecto de Greenalia para instalar unha Liña de Alta Tensión (LAT) entre o PE Lamas de Feás (en trámite) e o PE Fontesanta (tamén en trámite) que afecta directamente ao Concello de Porqueira, xa que varios dos apoios (torres) se situarían na zona de concentración parcelaria de Reboreda e Paradela de Abeleda, a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez (PP) recibiu ao presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar.


Entrevistáronse na Casa do Concello e percorreron xuntos rúas de San Lourenzo, onde comprobaron os resultados da primeira fase de humanización do núcleo, realizada co apoio da Deputación. Baltar tamén comprometeu o seu apoio a futuras intervencións, como a pavimentación de varias rúas da localidade e no proxecto de abastecemento do núcleo da Filgueira.


Mais o asunto do día era a posición da alcaldesa a respecto da LAT e tamén ao proxecto do polígono eólico Lamas de Feás, tamén de Greenalia. Nun comunicado emitido esta tarde pola Deputación, o ente provincial explica: “Entre outros temas, Susana Vázquez tamén resaltou o rexeitamento do goberno ao actual deseño do proxecto do parque eólico Lamas de Feás, contra o que o Concello de Porqueira alegará na fase de exposición pública”.


A valoración da alcaldesa sobre a reunión con Baltar chegou pola tarde. “Baltar debe coñecer o que pasa no territorio; e nós, as alcaldesas e alcaldes temos que telo informado. Eu trasladeille o que opinan as veciñas e veciños, que están en contra da Liña de Alta Tensión, e que temos a intención de presentar alegacións a ese proxecto e ao do polígono onde empeza a liña”. Baltar, apunta a alcaldesa, interesouse polo que está a pasar en Porqueira. “Lóxicamente sería un apoio importante, e estaremos en contacto”. Susana Vázquez tamén explicou que esta fin de semana, durante o congreso galego do PP, intentará falar con responsábeis do goberno galego.

Na sede do Concello de Porqueira na Forxa, seguían recolléndose este venres escritos de alegación contra o polígono de Lamas de Feás.


Na xuntanza tamén se tratou a cooperación da Deputación para sacar adiante a ampliación da residencia de maiores de Porqueira, que se inaugurará proximamente cunha achega por parte do organismo provincial de 175.000 euros.  


Segundo a nota de prensa da Deputación, Xosé Manuel Baltar gabou á rexedora, manifestando que “Porqueira, o seu goberno, a súa alcaldesa, son unha fonte inagotable de novos prantexamentos en tódolos eidos”


Na sede do Concello de Porqueira na Forxa, seguían recolléndose este venres escritos de alegación contra o polígono de Lamas de Feás que afecta Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos e, indirectamente, tamén Porqueira. 

NOTICIAS A LIMIA | Susana Vázquez informa a Baltar de que Porqueira non quere o...