viernes. 26.04.2024

Veciñas e veciños de Porqueira gozaron onte na Casa do Concello, na Forxa, da ocasión de descubrir utilidades do teléfono móbil nunha sesión informativa impartida polo enxeñeiro Iván Luís Vázquez e que fai parte do programa de actividades da Mobile Week Ourense, que nesta edición a Deputación decidiu levar tamén a núcleos do rural.


“Levamos un ordenador no peto sen sabelo”, dixo Iván Luís Vázquez ao comezo da súa exposición. O enxeñeiro, que estivo acompañado pola alcaldesa, Susana Vázquez, e pola deputada provincial, Luz Porto, explicou ás asistentes como usar o teléfono para enviar unha localización ou como usar mapas e medir distancias. “Estamos desenvolvendo un programa de envellecemento con saúde e pensamos que esta tipo de actividades prácticas poden axudar en moitos sentidos”, di a alcaldesa.


Nas próximas semanas, en Porqueira teñen a intención de realizar un “escape room” adaptado a persoas maiores e unha ruta virtual polo Camiño de Santiago. Trátase dunha experiencia que desenvolveu Iván Luís Vázquez e da que deixou algún apuntamento onte. “Percorreremos sen saír de Porqueira o Camiño desde Roncesvalles”, advirte a alcaldesa. “É un programa piloto para que a xente poida camiñar mentres fai o Camiño de maneira virtual, e a través de dispositivos como pulseiras pode ir vendo a paisaxe do Camiño real”.


A programación do paseo está pendente das previsións meteorolóxicas para as semanas seguintes. A chuvia destes días, nun concello como o de Porqueira tan golpeado pola seca, “agradécese”, di Susana Vázquez. “Mais non alcanza. Na cuestión do abastecemento nin se notou”.  

Porqueira. Xornada sobre utilidades do móbil dentro do programa da Mobile Week (2) (FILEminimizer)
Iván Luis, Susana Vázquez e Luz Doporto, onte con veciñas e veciños de Porqueira ao remate da charla.

NOTICIAS A LIMIA | Veciñanza de Porqueira coñece utilidades do móbil no marco da Mobile...