viernes. 04.10.2024

A Deputación Provincial de Ourense acordou este luns en Xunta de Goberno baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, conceder 830.316 euros en subvencións para o financiamento dunha vintena de proxectos e servizos locais e intermunicipais, iniciativas de carácter social e actividades de entidades culturais.

Entre os concellos beneficiados polas axudas está o de Porqueira, que recibirá 50.000 euros “para gastos de funcionamento da residencia da terceira idade”, segundo informa a entidade provincial nun comunicado.

A Deputación achegará dúas axudas ao Concello de Bande: 236.000 euros para seguridade viaria, e 10.000 euros máis para actividades do Xurés Experience. No caso de Muíños, concedéronse catro axudas: 10.000 euros para o Xurés Experience; 79.000 para campamentos xuvenís; 107.800 para unha nave do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES); e 45.000 para unha obra de Augas de Galicia para a mellora de saneamento en varias poboacións.

En Xunqueira de Ambía, grazas ao financiamento da Deputación, o Concello poderá facer un estudo de rehabilitación do retablo da colexiata cunha axuda de 3.000 euros.

O paquete tamén inclúe subvencións á entidades supramunicipais: 50.000 euros para a mancomunidade do Ribeiro; a mesma cantidade para Verín; e 20.000 para a entidade turística dos concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro, nestes casos con destino a gastos de funcionamento. A mancomunidade da comarca de Ourense recibirá 15.000 euros para traballos medioambientais. 

NOTICIAS A LIMIA | Porqueira recibirá 50.000 euros para a residencia