viernes. 19.04.2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta luns por vía telemática, aprobou a concesión de subvencións de 48.000 euros para o acondicionamento de camiños municipais en Rairiz de Veiga, e de 25.000 euros para un axente de emprego e desenvolvemento local en Trasmiras. 


A alcaldesa de Rairiz, Asunción Morgade (PP), tiña prevista esta mesma mañá unha visita á Deputación. Para este 2022, Morgade ten acordado coa Consellería de Medio Rural o inicio das obras correspondentes á rede de camiños secundarios na parcelaria de Guillamil-Sabariz, por un importe total superior aos 1,7 millóns de euros.


No caso de Trasmiras, o alcalde, Emilio Pazos (PP), segue pendente de concretar o financiamento que achegará a Deputación se se decide construír a residencia de maiores, así como do proxecto do novo cemiterio parroquial de Vilaseca, para o que tamén conta co compromiso do ente provincial.


Por outra banda, en Porqueira, segundo se publicou no Boletín Oficial da Provincia o pasado sábado, iniciouse o proceso de contratación de dúas docentes en réxime laboral temporal para impartir un curso en liña de formación ocupacional denominado Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.


Cada docente impartirá dous módulos do curso. O prazo para presentar as solicitudes remata o próximo venres, día 22. A documentación deberá presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Porqueira, na Forxa, ou tamén por vía telemática. As bases están publicadas no taboleiro do concello e na sede electrónica (https:// porqueira. sedelectronica. gal/ info.0.).

NOTICIAS A LIMIA | Subvencións para camiños en Rairiz e para unha praza de axente de...