viernes. 26.04.2024

“Este é un momento destacado para Rairiz de Veiga, pois retomamos unha festa interrompida desde hai dous anos, ofrecendo un programa de actividades extenso e aberto a todos os públicos”, dixo Asunción Morgade, a alcaldesa de Rairiz, este martes na presentación da Romaría da Saínza (do o 23 ao 25 de setembro) no Pazo Provincial de Ourense, sede da Deputación.

Morgade, que estivo acompañada por Ana Belén Míguez, secretaria da asociación cultural que organiza a festa, subliñou que ademais do tradicional combate de Moros e Cristiáns, onde os soldados estrean traxes este ano, o programa inclúe a I Foliada da Saínza, con obradoiros de música para os pequenos, música e baile tradicionais, alboradas e pasarrúas.

Ana Belén Míguez, pola súa banda, detallou os momentos clave da festa. Na noite do sábado os cristiáns celebran coas súas donas o regreso ao castelo despois de longos días de batalla, momento no que chegan os mouros, conquistan a fortaleza e apresan á cativada do lugar. O domingo pola mañá, a partir das 12:30 horas, os cristiáns encoméndanse á Virxe da Mercede e comeza o último combate, que rematará coa derrota dous mouros no campo do castelo.

O festexo, que mestura historia, tradición e modernidade, segundo sinalaron os participantes na presentación, conta co patrocinio da Deputación de Ourense. Asunción Morgade e Ana Míguez estiveron acompañadas polo vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, e o presidente da asociación Amigos da Romaría da Saínza, Julio Domínguez.


Rosendo Fernández, informa a Deputación nun comunicado de prensa destacou “a significativa participación veciñal nunha celebración que vive como autenticamente súa, e que ademais é unha das últimas grandes festas do verán ourensán”. A Deputación, afirmou, “mantén un compromiso de colaboración con esta romaría”, declarada de interese turístico pola Xunta de Galicia no ano 2000 e na que o combate entre mouros e cristiáns remóntase até a década de 1840.

Ana Belen Miguez Rosendo Fernandez Asuncion Morgade e Julio Dominguez 2 (FILEminimizer)
Presentación a Romaría da Saínza este martes na Deputación Provincial.

NOTICIAS A LIMIA | A Saínza ponse de largo na Deputación