martes. 16.04.2024

A partir do próximo 1 de xuño o Concello de Rairiz de Veiga deberá decidir se multa ás veciñas e aos veciños que non limparon as fincas situadas na franxa de seguridade da contorna de varias aldeas. A alcaldesa, Asunción Morgade, di que “neste momento” non é partidaria de impoñer sancións e espera que “a xente que limpe con toda a boa vontade”.

En agosto de 2018, no marco das políticas de loita contra os incendios forestais, a Xunta de Galicia, a FEGAMP (Federación Galega de Municipios de Provincias) e a SEAGA (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos) asinaron un acordo de cooperación da Administración Pública cos concellos que se adherisen voluntariamente para a xestión da biomasa nas franxas secundarias.

Este mes, veciñas de Rairiz propietarias de fincas consideradas “franxas secundarias” (ao redor dos núcleos de poboación) empezaron a recibir cartas do Concello de Rairiz cominándoas a acometer a roza da vexetación nesas parcelas baixo ameaza de multa.

“Non teño vontade de multar”, declarou a alcaldesa Asunción Morgade (PP) este martes ao Diario da Limia. Na Casa do Concello esa mañá, media ducia de veciñas e veciños esperaban a ver atendida a súa reclamación. Moitos viven fóra e non saben a que parcelas se refire a carta. O administrativo do Concello de Rairiz leva dúas semanas provendo esa información a través de fotocopias do mapa do Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas.

A carta, redactada pola SEAGA, subliña a alcaldesa, enviouse despois dunha revisión visual. Agora a veciñanza afectada dispón de prazo até o 1 de xuño para limpar “en período voluntario”. Despois habería unha segunda revisión “e tomaranse as medidas oportunas”, di Morgade

Algúns veciños quéixanse de que a revisión visual foi superficial. Din que algunhas das parcelas afectadas son lameiros, e outras, carballeiras. A ameaza de multa é de 1.000 euros por parcela. Hai veciñas e veciños con varias fincas, polo que a multa multiplicaríase.

O Concello de Rairiz, informa Morgade, ofrece un servizo de roza mecanizada. Hai dúas máquinas traballando a diario, de luns a venres. E esperan contar con outra compartida con Porqueira. O luns limparon nove fincas entre os dous tractores. Son 50 euros por hora, “un pouco menos do que cobran as empresas”.

No caso de que as máquinas non poidan acceder á parcela, será precisa unha roza manual. As empresas de roza manual tamén están traballando. “Hai unha no concello e está desbordada”, di a alcaldesa.

Polo momento, e no caso daquelas fincas que non se limpen no período voluntario, o SEAGA non entraría a limpar. E cada concello debe decidir que fai. “Non teño vontade de multar”, insiste Morgade. “É unha decisión por tomar, pero espero que a xente limpe. O problema agora non é tanto limpar, senón localizar as fincas afectadas. Pode que algúns se enfaden un pouco, pero penso que ter limpo todo ao redor das aldeas é unha medida que nos vai beneficiar a todos de cara ao verán”.

O convenio entre a Xunta, a FEGAMP e a SEAGA renovouse hai un ano con prórroga durante todo o 2022. Hai máis de 250 concellos adheridos en todo o país. O SEAGA redacta a maioría dos plans de prevención da loita contra os incendios. No 2019, segundo datos da Xunta, 1.850 propietarios de máis de 5.400 parcelas cunha superficie de 330 hectáreas sumáronse ao acordo. Nestes casos, a SEAGA asume a xestión da biomasa a un custe de 350 euros por hectárea. 

NOTICIAS A LIMIA | “Non teño vontade de multar”, di Asunción Morgade