viernes. 26.04.2024

O Concello de Sandiás informa de “actuacións de mellora” nunha parcela na aldea de Arcos, onde xa existe unha fonte de auga potable dentro dun recinto formado por un peche de pedra con un par de mesas de pedra e un salgueiro. A intervención ten por obxecto “crear unha área recreativa adaptada as necesidades dos veciños e veciñas de diferentes idades”


O orzamento da obra é de 24.145,55 euros que achegan a Rede Natura e o propio Concello de Sandiás. “A área recreativa quedará conformada por tres espazos diferentes: unha primeira zona de mesas adaptada a diversos usos. Unha segunda zona que conterá unha fonte máis un espazo destinado a actividades para adultos con elementos biosaudábeis. Por último, a terceira zona estará adicada a zona de xogos infantís. Terá un pavimento de caucho e un valado perimetral de madeira. Instalaranse tres xogos infantís para idades entre 6-12 anos”, precisa o Concello.


“Este tipo de actuacións forman parte dun proxecto do equipo de goberno para crear e conservar de xeito progresivo recursos e infraestruturas recreativas nas diferentes aldeas”, di a nota de prensa municipal, “coa finalidade de fomentar espazos ao aire libre para xantar, merendar e descansar, diversas zonas de xogo e instrumentos para o exercicio físico para todos os veciños e veciñas, especialmente os máis maiores”.

O equipo do goberno que dirixe Felipe Traveso tamén iniciou hai meses os trámites para pechar o pavillón de Sandiás, para o que conta cun orzamento de 350.000 euros, que financiarán a Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello e a Consellería de Educación (80.000 euros cada institución) ea Deputación de Ourense, que achegará 110.000 euros. 

NOTICIAS A LIMIA | Sandiás inviste 24.000 euros nunha área recreativa en Arcos