viernes. 26.04.2024

Calvos de Randín é o primeiro concello da Limia que anota unha xornada sen casos activos de covid desde hai seis semanas. No que vai de mes, Calvos de Randín pasou de 10 contaxios o día 1 a ningún este xoves. Antes que Calvos, e tamén durante esta sexta onda, Os Blancos (en marzo, durante tres días) e Baltar (en febreiro, durante dúas semanas) estiveron a cero.

A situación mellorou moito tamén en Porqueira e Trasmiras, os concellos limiaos que tocaron máximos durante o mes de abril. En Trasmiras hai 7 casos anotados, son catro menos que o martes. En Porqueira, o descenso foi aínda maior, con oito rexistros menos, e 3 casos activos.

Na tendencia oposta está Baltar, onde desde o martes o número aumentou até os 10 contaxios. Baltar repite cifras das últimas semanas de xaneiro, cando alcanzou os seus máximos no que vai de ano (17). 

Así están os rexistros:
BALTAR  (variación +4) 10 (activos)
OS BLANCOS  (=) 4
CALVOS DE RANDÍN (-1) 0
PORQUEIRA  (-8) 3
RAIRIZ DE VEIGA (=) 4
SANDIÁS (=) 5
SARREAUS (-1) 4
TRASMIRAS  (-4) 7
VILAR DE BARRIO (+2) 4
VILAR DE SANTOS (=) 1
XINZO DE LIMIA  (+5) 40

En Xinzo de Limia a estatística volve anotar 40 casos activos. Son 5 máis que o martes. Mais Xinzo comezou abril por riba dos 80 casos nunha soa xornada. Despois dunha redución notábel, agora volve ao nivel da semana previa á Semana Santa. 

Nos Blancos, Rairiz, Sandiás e Vilar de Santos non houbo variacións nas últimas 48 horas. En Vilar de Barrio anotan hoxe dous casos máis. A día de hoxe, nove concellos da Limia están por baixo da decena de casos activos; Baltar está en 10 e Xinzo en 40. En total, son 82 casos. Hai dúas semanas eran 102. Hai catro semanas, 248. A tendencia é clara.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou hoxe que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 13.779, deles 1.770 son da área de Ourense. Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 621 en unidades de hospitalización e 13.143 no domicilio.
 

CORONAVIRUS A LIMIA | Calvos de Randín, primeiro concello nun mes sen rexistros de covid