Xoves. 28.03.2024

Sabela Landín ten 52 anos, traballa como informática en Vigo e é presidenta da Asociación de Afectadas do Essure en Galicia. O 24 de febreiro do 2012 implantáronlle un dispositivo anticonceptivo permanente, un aramio de níquel, titanio e fibras pec inxerido cunha pistola nas trompas, “a solución equivalente a unha ligadura, pero máis rápida, con implante ambulatorio e sen anestesia”, a única no servizo público de planificación familiar.


Sabela Landín falou o pasado venres na xornada Invisibilizadas para a medicina na Casa da Cultura de Xinzo de Limia. Falou do inferno que viviu ela e máis dun milleiro de mulleres no país porque as convenceron, “mesmo convenceron homes que estaban dispostos a unha vasectomía”, no servizo público de planificación familiar, porque o Essure, dicían, “era unha solución definitiva”.


Aquel día a operación foi rápida. Sabela empezou a sentir mareos e unha dor moi intensa. “Tempo máis tarde, descubrimos a través de varios estudos que a velocidade da pistola era demasiado forte para que a trompa de Falopio soportara esa presión, provocando a perforación. Para estar ben colocado, o Essure ten que estar sete voltas no útero e sete voltas na trompa. Unha vez colocado é un corpo alleo, provoca unha fibrose quística ao redor e fai un tapón na trompa. O que nos daban antes da intervención era un paracetamol”.


O Essure é un sistema anticonceptivo “permanente”, “un microinserto de oclusión das trompas de Falopio, fabricado por Conceptus e comercializado por Bayer”. En agosto do 2019 a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios retiroulle o permiso de comercialización, segundo explica a Sociedad Española de Ginecología y Obstetricia nunha guía para a atención das pacientes. Calcúlase que en España hai unhas 80.000 afectadas. Mais, polo de agora, seguen invisibilizadas. 


En setembro do 2019, Bayer Pharma cesou a distribución e venda do implante en todos os países excepto nos Estados Unidos, onde non iniciou o proceso, gradual, para abandonar a súa comercialización até decembro do 2019.


“Tres meses despois eu seguía con mareos e un malestar... tamén se me agravou a asma e os problemas de alerxias. Fixéronme unha ecografía, as analíticas daban todo ben. Pero eu seguía mal e terminei cunha capacidade pulmonar limitada do 53%. Houbo erros no deseño, a trompa é un órgano que flutúa e ao ter un corpo ríxido dentro, co movemento golpéase co dispositivo. A función das trompas é a liberación de hormonas así como a protección de enfermidades autoinmunes, como a asma e outras doenzas reumatoides”, conta Sabela. 


“Os estudos para a aprobación do dispositivo non cumpriron o período de máis de dez anos para dispositivos da clase III”, continúa Sabela. “E no 2003 empezou a utilizarse en España desde os servizos de Sanidade pública. En Aragón, por exemplo, o servizo de xinecoloxía considerou que non era un método o suficientemente seguro. En Galicia implantouse a partir do 2009”.

Essure 4
O Essure.

“Tres meses despois eu seguía con mareos e un malestar... tamén se me agravou a asma e os problemas de alerxias. Fixéronme unha ecografía, as analíticas daban todo ben. Pero eu seguía mal e terminei cunha capacidade pulmonar limitada do 53%”.

Nos anos seguintes, Sabela e os seus problemas de saúde pasaron por servizos de Traumatoloxía, Dixestivo, Medicina Interna, Xinecoloxía, e mesmo oito meses na Unidade de Dor. “O Essure é un corpo estraño nos nosos corpos, que o detectan e están en alerta continúa. Ademais da angustia que me xeraba o non atopar respostas, están os efectos directos. Notei que perdía capacidade de concentración. Non era quen de estudar ou aprender cousas que precisaba para actualizarme na miña profesión”.


No 2016 comezaron os desaxustes na menstruación, “as lagoas mentais”, o cansazo. Empezaron tamén a chegar alertas. E os encontros con outras afectadas. As redes sociais funcionaron como a principal canle de información. Estudos de Francia, noticias dos Estados Unidos. En abril de 2018, Sabela aproveitou a súa condición de concelleira, “non adscrita”, na corporación do Porriño para conseguir sacar adiante unha moción sobre o Essure reclamando unha resposta á Consellería de Sanidade. 


O caso das mulleres con Essure chegou ao Parlamento galego, o SERGAS concedeu en maio unha reunión coas promotoras da incipiente asociación e con afectadas, redactouse un Protocolo de extracción segura aprobado finalmente en novembro do 2018. Semanas antes, o 21 de outubro daquel ano, 19 afectadas reuníronse en Lalín. Naceu o colectivo de afectadas, da que fan parte tamén Eva e Vikki, que acompañaron Sabela no acto en Xinzo. Todas vestidas con chaqueta escura e na solapa o aramio, o símbolo da Essure en Galicia.

Participantes nas xornadas Invisibilizadas. Sabela Landín e membros da asociación afectadas Essure (1)
Eva, Sabela e Vikki, membros da asociación afectadas polo Essure.

No 2016 comezaron os desaxustes na menstruación, “as lagoas mentais”, o cansazo. Empezaron tamén a chegar alertas. O caso das mulleres con Essure chegou ao Parlamento galego e no 2018 o SERGAS concedeu unha reunión coas promotoras da incipiente asociación e con afectadas.


O 8 de febreiro de 2019, un venres, conta Sabela, despois de oito meses en espera e malia o pouco interese demostrado polo médico de cabeceira e o xinecólogo, e grazas á insistencia da alergóloga que detectou niveis anómalos de metais, finalmente logrou que lle retirasen o Essure. “A algunha afectada chegáronlle a dicir que o que lle pasaba tiña que ver coa menopausa. No meu caso foi un trato vexatorio, a médica de cabeceira diante do positivo en alerxia a níquel dixo que non lle importaba, tampouco o protocolo e que non tiña nada que atender”.


No SERGAS, desde que se decidiu incorporar o Essure, o dispositivo recibíase en caixas de 3 doses, sobraba 1. Con dous sobrantes, implantaban noutra muller. O dispositivo incluía unha tarxeta de implante. “Nunca quixeron mostrarnos o rexistro de implantes. O único que coñecemos é o código do lote que nos puñan, o ESS305. O único dato que se ten a nivel de España son as caixas utilizadas, de aí a estimación dunhas 80.000 afectadas”. 


As primeiras extirpacións comezaron no 2017, sen protocolo ningún. “Algunhas mulleres deberon volver ao quirófano porque quedaron con restos do dispositivo dentro. Ao principio, nin se facía unha radiografía posterior para comprobar se se quitara todo”, lembra Sabela. En Galicia, apunta, serán “unhas 600 as mulleres” que o levan retirado, “pero quedan moitas máis”. Non hai datos. Na asociación seguen a recibir chamadas de afectadas, sinálanlles o protocolo e que probas deben pedir que lles realicen. “Deben ir seguras ao quirófano”.


O 12 de xaneiro deste 2022, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia solicitou ao SERGAS a posta en marcha dunha unidade específica para atender a todas as afectadas polo Essure. Desde a asociación a interlocución coa Sanidade pública prodúcese a través dos departamentos de calidade das distintas áreas sanitarias. 


A páxina web da asociación é https://asafessgalessure.eu/

NOTICIAS XINZO | O inferno en forma de aramio no útero