jueves. 18.04.2024

“A nosa intención era ter a piscina preparada para hoxe. Pero houbo un atraso nas obras. Primeiro porque ía moita calor e o cemento gretou; e despois, porque empezou a chover e non se puideron aplicar os produtos que ten que levar ese tipo de pavimento”, explicou esta tarde, antes de comezar unha reunión no Concello, Elvira Lama, a alcaldesa, de novo convertida na portavoz do goberno ante a ausencia (vacacións) do concelleiro de Deportes.


“As obras atrasáronse por eses motivos, pero me parece que entre esta tarde e o día de mañá estarán rematadas, e a partir de aí queda a fin de semana e a semana que vén para baleirar os vasos, limpar e volvelos encher, clorar e que Sanidade dea o visto bo”, continuou Lama, que espera que “a finais da semana que vén poida estar lista para o seu uso”.


As piscinas exteriores de Xinzo de Limia non abriron hoxe como estaba previsto. Esta mañá, mentres os traballos no firme ao redor do vaso continuaban, o Diario do Limia intentou este venres sen éxito obter do goberno local información sobre as novas previsións de apertura do recinto. O pasado día 20, despois de acompañar ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil nunha visita ao tramo urbano do río Limia, o concelleiro de Deportes, Rafael Penabad (PSOE) e o de Urbanismo e Mobilidade, Ramón Gómez (AXIL), explicaron ao Diario do Limia os plans do goberno.


Hoxe, co responsábel de Deportes de vacacións, tampouco o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade aclarou as circunstancias do atraso. Foi a alcaldesa, xusto antes da primeira reunión coas entidades para explicar os resultados dun estudo previo ao Plan de Igualdade, quen comprometese unha nova data: finais da próxima semana. 

AMPLIACIÓN | Elvira Lama di que as piscinas exteriores abrirán a finais da próxima semana