domingo. 06.10.2024

Os comerciantes da rúa San Roque, de Xinzo, reunirase esta tarde coa alcaldesa, Elvira Lama, despois de varios días de intercambios de reproches entre uns veciños que temen que os plans municipais de mobilidade empeoren a situación dos seus negocios e un goberno local que insiste en que as súas propostas non se entenderon ben.

A reunión producirase este xoves no salón de plenos da Casa do Concello. Os comerciantes exhiben desde o pasado luns na San Roque unhas pancartas nas que advirten que maiores restricións ao trafico rodado porían en risco a viabilidade do seu modo de vida. O concello non respondeu até o martes, a través dunhas declaracións do concelleiro de Mobilidade, Ramón Gómez, ao Diario do Limia.

A crise continuou aberta malia as palabras de Gómez, quen insistiu en que non hai plans nin a curto nin a medio prazo, mais deixando unha porta aberta a futuro. Ao día seguinte, onte mércores, foi a alcaldesa quen tomou a palabra e manifestou a este xornal que non haberá cambio ningún.

Os comerciantes, en contacto permanente desde que a fin de semana decidiran expresar publicamente a súa preocupación, decidiron onte pola noite, despois de coñecer as declaracións da alcaldesa, dar o paso, tomar a palabra a Elvira Lama e solicitar un encontro para aclarar posturas. 

Esta mañá, un dos comerciantes en nome do colectivo solicitou por teléfono unha entrevista cos responsábeis municipais. Menos dunha hora despois chegou a resposta desde o Concello. A reunión celebrarase ás 20:30 horas. Estará presente a alcaldesa, indicaron desde o Concello.

NOTICIAS A LIMIA | Os comerciantes da San Roque reuniranse hoxe coa alcaldesa