domingo. 06.10.2024

O Entroido non só é festa e sempre garda un anaco para a solidaridade. Un ano máis, a Comisión do Entroido e o Concello cederon os dereitos da imaxe do cartel da festa a favor da Asociación Limisi. Os usuarios deste centro ocupacional para persoas con diversidade funcional da comarca son os encargados de preparar varios produtos promocionais, que están á venda en establecementos de hostalaría da vila e en comercio.

Libretas de tres tamaños diferentes, chaveiros, chapas e imáns con abridores son os produtos promocionais que se poden mercar a beneficio de Limisi, todo elaborado polos seus usuarios a partir da imaxe do cartel deste ano. "A Comisión déixanos facer todas estas cousas e vender isto, que para nós supón unha axuda", sinala Janira Pazos, coordinadora de Limisi.

Chapas, chaveiros e libretas do Entroido que se venden a favor de Limisi. | FOTO: Noelia Caseiro.
Chapas, chaveiros e libretas do Entroido que se venden a favor de Limisi. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Os usuarios do centro son os responsables de que toda esta gama de produtos chegue aos negocios de Xinzo, xa que está elaborado por eles mesmos nos obradoiros de Limisi. "Procuramos que os nosos talleres ocupacionais, para que sexan máis reais en canto á preparación pre-laboral, revirtan neles", explica Pazos. Co que gañan desta iniciativa poden pagar os gastos do centro, o material que se emprega e seguen mantendo as actividades que lles brindan, coa meta de que os usuarios aporten o menos posible.

 

O obxectivo de Limisi, como centro ocupacional, é formar "nun entorno máis parecido ao laboral, para que gañen autonomía e sepan que o traballo ten unha recompensa económica" sempre que se cumpla con el, apunta Pazos. Esta experiencia coa elaboración de produtos promocionais do Entroido de Xinzo sirve para que aprendan sobre isto e tamén visibiliza o labor que fan. "Este taller é máis visible e axuda a que reciban a maiores unha recompensa social, de recoñecemento", destaca Pazos.

Nos talleres preparan o material | FOTO: Noelia Caseiro.
Nos talleres preparan os produtos. | FOTO: Noelia Caseiro.

NOTICIAS XINZO | Os usuarios de Limisi crean os produtos promocionais do Entroido