domingo. 06.10.2024

A alcaldesa, Elvira Lama, acompañada polo concelleiro de comercio, Manuel Pérez, e a presidenta de ProLimia, Concha Conde, xunto a dúas membros da directiva das comerciantes de Xinzo, presentaron este luns no Concello de Xinzo a campaña de Semana Santa para promover o consumo no comercio local. Desta volta, a proposta consiste nun reparto de vales de compra que se realizará o próximo sábado, día 16.

O reparto realizarase nunha instalación na Praza Maior (unha gran bola) onde un sistema de ventilación manterá os agasallos (os vales de compra) suspendidos no aire. Cada persoa que acceda á bola disporá dun par de minutos para atrapar os agasallos. Para acceder ao interior, deberán presentar un ticket de compra en calquera establecemento acreditado de Xinzo por un valor mínimo de 20 euros, e de compras realizadas entre hoxe luns e o mesmo sábado. 

En total, a asociación de comerciantes distribuirá un total de 1.000 euros en vales de compra. A campaña denomínase Atrapa o teu premio, e chega xusto antes do inicio da promoción comercial para do Día da Nai (primeiro domingo de maio). “Será unha campaña curta, dixo Concha Conde, quen agradeceu ao goberno local que asuma o custe da instalación da bola na praza.

Conde é presidenta de ProLimia porque a actual directiva decidiu hai un mes prorrogar o seu mandato diante da falta de relevo. “Uníronse tres persoas máis, tres persoas que queren botar unha man, pero non querían asumir toda a responsabilidade. O que faremos agora será referendar este equipo ou elixir outro, se é que o hai, comentou Conde na rolda de prensa desta tarde a preguntas do Diario do Limia.

A intención de ProLimia é convocar unha nova asemblea no mes de maio, “unha vez remate a campaña do Día da Nai, dixo a presidenta, na que a directiva pedirá ratificar o equipo actual de oito membros. 

Presentación no Concello da campaña do comercio local para a Semana Santa. Elvira Lama. ProLimia. Concha Conde (4)
Presentación esta tarde no salón de plenos da Casa do Concello.

Por outra banda, e en relación co comercio local, a alcaldesa comentou que a campaña de concienciación da veciñanza sobre a necesidade de respectar as zonas e horarios de aparcamento “vai bene, polo momento, sen que os axentes da Policía Local teñan que actuar máis alá do apercibimento. 

NOTICIAS A LIMIA | A asociación de comerciantes de Xinzo votará en maio a continuidade...