domingo. 06.10.2024

Elvira Lama presentou esta maña na Casa do Concello de Xinzo de Limia unha campaña de seguridade viaria baixo o lema Evitar multas é so cousa túa. A alcaldesa, que estivo acompañada polo edil de Mobilidade, Ramón Gómez, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente, e o cabo da Policía Local, Simplicio González, anunciou accións puntuais de vixilancia, con controis de velocidade e dispositivos para detectar infraccións nos semáforos.


A campaña, que apela directamente á responsabilidade das e dos condutores, inclúe carteis con debuxos nos que axentes de policía multan un vehículo mal estacionado e unha condutora por non respectar un paso de peóns. Lama dixo que a iniciativa pretende "acadar unha vila máis inclusiva e segura, liberar os espazos públicos de coches en favor dos peóns e ofrecendo alternativas de estacionamento, restrinxir o acceso de vehículos ás zonas peonís, implicar á cidadanía e sancionar aos infractores".


No transcurso da rolda de prensa, e a preguntas do Diario do Limia, único medio que acudiu á convocatoria, a alcaldesa tamén se referiu a construción dun terceiro aparcadoiro ao aire libre e gratuíto. "Estamos en negociacións cos propietarios", dixo Lama, quen non desvelou o enclave da nova infraestrutura. 


Tamén asumiu o mal estado do aparcadoiro da rúa Curros Enríquez, que levou unha reforma o mes pasado, pero que por causa das chuvias deste mes volve presentar numerosas fochancas. "Actuaremos as veces que faga falta porque, como dixen onte no pleno, está sobre unha finca que foi de labranza e loxicamente o terreo repisa e hai que restituílo".


Interpelada polos proxectos de peonalización de rúas no casco vello, a alcaldesa dixo que se iniciaron as xestións diante da Dirección Xeral de Vivenda da Xunta de Galicia co fin de obter financiamento a través do plan HURBE. "Unha vez que se realicen as obras necesarias, eliminaranse todos os estacionamentos no casco vello", dixo, e engadiu: "Xa nos gustaría que quedase feito este ano, pero probabelmente se atrase até o ano que vén".


En canto a rehabilitación das principais arterias urbanas de Xinzo, as avenidas de Ourense e de Madrid, o gran proxecto urbanístico do mandato, a alcaldesa reiterou as palabras do concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, hai unhas semanas ao Diario do Limia. "O plan está en fase de redacción, remitirase ao Ministerio de Transportes e, en canto o aprobe o ministerio, realizarase o proxecto de construción e pasará a exposición pública". A execución tamén será o ano próximo. 

Elvira Lama presenta campaña sobre mobilidade, co xefe provincial de Tráfico, David Llorente (2)
O xefe provincial de Tráfico, David Llorente, esta mañá en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro

A respecto da avenida de Ourense, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente, informou que o Goberno central ten a intención de substituír a vella sinalización "por sensores que avisan da presencia de vehículos en zona escolar". David Llorente parabenizou ao goberno local polas súas iniciativas en materia de mobilidade. 

Imaxe 1
Un dos carteis da campaña. | IMAXE: Concello de Xinzo

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo terá un terceiro aparcadoiro gratuíto e eliminará o...