lunes. 09.12.2024

Ao día seguinte do peche da hostalaría en Xinzo, unha protesta que foi secundada por máis da metade dos negocios da vila, pero tivo un seguimento desigual segundo as zonas, o presidente da Asociación de Hostaleiros, Alberto Rúa, propietario dun bar na praza Maior, presentou esta maña a súa dimisión diante da xunta directiva da entidade.

Polo momento, o resto de membros da xunta mantéñense. Queda por ver quen asumirá as funcións de representación que viña desenvolvendo Rúa, encargado onte de ler o manifesto na praza. Rúa aduce motivos de saúde, problemas que viña arrastrando hai uns meses pero que se complicaron pola tensión vivida nas últimas semanas na preparación da protestas. 

O presidente dimitido recoñece certa decepción co resultado da xornada de protesta convocada onte. "Despois de ter falado con moita xente estes últimos días, botei de menos algo máis de apoio ao peche. Vexo certa pasividade no sector, aínda que entendo perfectamente as dificultades polas que atravesa cada un".

A asociación empezou a conformarse no ano 2017. Coa chegada da pandemia decidiron organizarse formalmente diante das esixencias da nova situación, explica Rúa. Desde o 2020, o traballo foi "intenso" e "a xente acaba cansándose", subliña. Agora, o colectivo queda en mans dunha directiva que deberá decidir o camiño a seguir. "Eu quédome coas cousas boas que se fixeron", conclúe Rúa. 

concentración hostalaría xinzo (6)
Alberto Rúa, cunha membro da asociación, onte, antes da lectura do manifesto.

NOTICIAS A LIMIA | Dimite o presidente da asociación de hostaleiros de Xinzo