viernes. 19.04.2024

“Entendo que coa suba de custes que hai, faise difícil seguir traballando”, dixo o concelleiro de Comercio, Manuel Pérez, ao rematar esta mañá a concentración convocada pola hostalaría de Xinzo para reclamar atención dos diferentes gobernos para un sector que xa foi dos máis castigados durante a pandemia. 

O primeiro luns de primavera amañeceu gris en Xinzo. Despois das mobilizacións das últimas semanas, hoxe tocaba unha protesta doutro cariz: un peche da hostalaría, que se estivo discutindo entre os propietarios de bares, cafeterías e restaurantes toda a semana pasada e para o que, chegados ao venres, non había un consenso.

A protesta foi maioritariamente seguida polos establecementos do centro e dos viños. Pecharon todos os locais na praza Maior, e bares e cafeterías da contorna, desde o Avenida ao Caracas pasando polo Monforte. O peche tamén foi completo nos viños. Ao mediodía todos os locais permanecían coa porta pechada. 

Na zona do Estación o seguimento foi desigual, pecharon o Miradoiro e o Alameda. Nas rúas Dous de Maio, na avenida de Madrid, no Toural, abriron a maioría. Tamén na rúa Ladeira, onde o Zeus puxo un cartel avisando que pecharía para sumarse á concentración das doce na praza, á que tamén acudiron propietarias que si decidiron abrir os seus negocios.

Na concentración, Alberto Rúa, presidente da asociación de hostaleiros, leu o manifesto que onte adiantou o Diario do Limia. Xunto a Rúa, participaron na protesta varias ducias de hostaleiras e hostaleiros. Tamén se sumaron os grupos da corporación. Estivo a alcaldesa, Elvira Lama, que recoñeceu que a situación é tan complexa que as axudas implementadas desde o Concello de Xinzo non chegan. Estiveron varios concelleiros (algún despois de ter tomado o café nun dos locais abertos).

Pola tarde, desde a asociación de hostaleiros estimaban a participación en todo Xinzo nun 50%, mais insistían en que no centro e nos viños foi moito maior. “O que conta e que se nos escoite e se empecen a tomar medidas”, dixo Alberto Rúa, que agradeceu o apoio “de moitos comerciantes e autónomos e agricultores”. “Espero que se resolva a situación canto antes. Se non, na próxima concentración seguro que seremos aínda máis e faremos máis forza”, concluíu. 

concentración hostalaría xinzo (7)
O presidente dos hostaleiros de Xinzo (centro), na praza, esta mañá.

Foi un luns gris para o hostalaría de Xinzo, un de tantos que leva vivindo nestes dous últimos anos de pandemia, medo e estritas normas sanitarias. Mais esta vez a culpa non foi do coronavirus. No manifesto, os hostaleiros apuntaron outra causa: un roubo apoiado por moitos gobernos e organizado por catro ou cinco empresarios que sempre teñen a cama quente, din.

b.peche hostalaría (9)
O Avenida, un dos negocios que secundou o peche.

“O que conta e que se nos escoite e se empecen a tomar medidas”, dixo Alberto Rúa.

NOTICIAS A LIMIA | A hostalaría de Xinzo, contra o gran roubo