viernes. 04.10.2024

A decisión de abrir o Museo Galego do Entroido (MUGAE) tomouse a mesma semana da reapertura despois de que desde o Concello de Xinzo se fixeran xestións diante da Área de Cultura da Deputación Provincial para acelerar os trámites e diante da petición dunha asociación de amigos do Camiño de Santiago que solicitaron visitar o Museo como parte das actividades dunha xornada pola Vía da Prata. Un grupo dunhas 30 persoas desta asociación realizou a visita ao MUGAE, que se mantén aberto os venres pola tarde e os sábados e domingos en xornadas de mañá e tarde.


Nos seis primeiros días de apertura, a segunda e terceira semana de xullo, o Museo do Entroido recibiu unhas 70 vistas. A maioría, segundo comentan fontes da instalación, procedentes de fóra da Limia, como ese grupo de peregrinos do Deza. Mais a afluencia de visitantes locais (de Xinzo e da comarca) incrementouse notabelmente a fin de semana das festas de Santa Mariña. Hai rexistros de visitantes de Porriño, Verín e Pontevedra. 


A promoción da reapertura do Museo Galego do Entroido, pechado desde decembro pasado e que abriu uns días no último Entroido, foi escasa desde o Concello de Xinzo de Limia (apenas unha publicación nas redes sociais o mesmo día que o Diario do Limia avanzou a noticia) e practicamente nula desde a Deputación Provincial, entidade a cargo do MUGAE. As cifras de visitantes son baixas mesmo en comparación coas que se deron o pasado inverno noutro breve período de apertura.


A falta de continuidade é outro dos problemas que advirten desde o propio Museo, cuxa xestión está encomendada a unha empresa cultural de Xinzo de Limia durante este mes e o seguinte. Ninguén sabe o que vai acontecer a partir de setembro. Se esta apertura é provisional ou terá continuidade nos próximos meses. Polo momento, o contrato da Deputación cos novos xestores, os mesmos que se encargaron da apertura durante o Entroido deste ano, limítase a dous meses. 


Outro dos problemas que se sinalan desde o Museo son os horarios. O MUGAE abre os venres, sábados e domingos. O horario é de 17:00 a 20.00 horas os tres días, máis as mañás de sábados e domingos, de 10:00 a 13:00 horas. A posibilidade de recuperar o xoves como día de apertura esixiría máis persoal. E, polo momento, tampouco se conta cunha guía para atender ás visitas en grupos ou establecer horarios de visitas guiadas. O problema, din, agravarase en setembro, se o MUGAE, como é vontade declarada do Concello de Xinzo, segue aberto e se programan visitas escolares. 


O MUGAE tampouco conta con tenda de merchandising, e o único obxecto á venda como recordo da visita é un pano cun debuxo dunha pantalla.
 

NOTICIAS A LIMIA | O Museo do Entroido recibiu 70 visitas durante as dúas primeiras...