jueves. 25.04.2024

O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Cultura, vén de convocar a terceira edición do Concurso Xinzoenflor de embelecemento de balcóns e xanelas. A inscrición estará aberta até o 15 de agosto. Este ano os participantes poderán enviar as fotografías dos seus deseños a través de WhatsApp ou por correo electrónico. 


“Deste xeito favorecerase a implicación veciñal e facilitarase o labor do xurado”, indica o Concello de Xinzo nun comunicado difundido esta tarde, que engade: “O obxectivo do certame é premiar o interese e o esforzo da cidadanía para crear no concello un entorno agradábel e saudable”.


Haberá dúas categorías: Xinzo Vila e Xinzo Pobos, e os premiados recibirán vales de 100 euros para mercar nos comercios do municipio.


Cada participante deberá enviar, antes do 20 de agosto, unha ou varias fotografías nas que se poida apreciar claramente a ornamentación do seu balcón ou xanela por WhatsApp (604 078 053) ou ao enderezo [email protected]


O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, confía en que a participación aumente nesta edición, “porque logo de tres anos hai máis xente que coñece o concurso e porque ao facerse online será máis sinxelo para os veciños e veciñas”


“O xurado premiará o balcón ou xanela máis bela e, para iso, deberán empregarse plantas vivas e elementos ornamentais que deberán ser visibles dende a rúa. Valorarase a orixinalidade e a creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía e deseño do conxunto e a laboriosidade”, informa o Concello de Xinzo. 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo convoca o concurso de embelecemento de balcóns