lunes. 09.12.2024

A Feira do Comercio de Xinzo de Limia comezou este venres no Pavillón de Deportes, acondicionado para a ocasión e que así seguirá até a primeira fin de semana de setembro cando acollerá Alimagro, cunha reivindicación das “históricas”. Xinzo de Limia precisa dun pavillón de exposicións, un recinto específico para este tipo de eventos, e o goberno municipal xa ten elixido os terreos onde se enclavaría, dixo o tenente de alcalde, Amador Díaz, alcalde en funcións coa alcaldesa de viaxe oficial na República Checa. E Díaz díxoo diante do delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; da xerente do Inorde, Emma González; e da presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez. Tamén estaban alí os representantes do Partido Popular, Antonio Fernández (candidato á alcaldía) e Carlos Gómez (parlamentario á fronte da xestora local).


Despois, nunhas declaracións para o Diario do Limia, Díaz incidiu: “Necesitamos ese pavillón, esa sala, ese multiusos... chamémoslle como se queira. Feiras como esta ou como Alimagro, e xa non só as feiras, tamén actos multitudinarios como concertos... Xinzo precisa dese equipamento”.

E explicou que o goberno local (o cuatripartito resultante das municipais de 2019) vén “traballando” nese proxecto. E sinalou os terreos: “O mercado da feira do gando, que está en desuso e habería que rehabilitar, si; mais é unha obra que Xinzo, o Concello, só non pode asumir, por iso aproveitei o momento para que as Administracións boten unha man”.


“Recolleu a luva o Delegado Territorial? Recolleu. El, coma nós, pensa que este proxecto ten que saír”, dixo o alcalde en funcións, que a respecto da Feira do Comercio comentou que “sempre tivo o apoio, mesmo cando había dúbidas, por parte deste goberno. E os comerciantes teñen feito un traballo é espectacular, porque os stands parecen as mesmas tendas. Xa só falta que veña xente para que volva ser un éxito”.

“Recolleu a luva o Delegado Territorial? Recolleu. El, coma nós, pensa que este proxecto ten que saír”, dixo o alcalde en funcións.


APOIO DO CONCELLEIRO DE COMERCIO
Minutos despois, o concelleiro de Comercio, Manuel Pérez Campos, en declaracións ao Diario do Limia, apoiou a demanda do alcalde en funcións: “Non só necesitamos un pavillón de exposicións, senón que necesitamos un pavillón moi bo. Xa temos varias feiras e hai outras que queremos montar, e para iso é imprescindíbel un edificio permanente para este tipo de eventos, porque este, o pavillón de deportes, só podemos usalo cando non hai actividade deportiva, no verán”.

Pérez Campos aspira a un pavillón de exposicións “novo e adaptado á normativa” e mostra a súa disposición a conseguilo “no seguinte mandato”. O concelleiro de Comercio tamén valorou a Feira e falou dunha oferta ampla: “Hai de todo, e pódense facer compras cómodas”.

O PP, TAMÉN DE ACORDO
Fontes do PP de Xinzo, explicaron esta mañá que a idea de converter o mercado de gando nun pavillón de exposicións xa a tiveron eles. Lembran que o espazo aínda está suxeito a concesións, e que non foi posíbel sacar adiante un proxecto no mandato anterior (2015-19) “pola falta de peso político polos problemas internos do partido en Xinzo, porque levar, levámolo á Xunta”.

No PP de Xinzo pensan, ademais, que xunto a este equipamento para exposicións sería preciso outro dedicado ao ocio e á cultura: “un Auditorio en condicións”.
 

NOTICIAS XINZO | Amador Díaz e Manuel Pérez reclaman un Pavillón de Exposicións para Xinzo