domingo. 28.04.2024

O BNG presentou esta fin de semana ao equipo completo que acompañará ao seu candidato, Camilo Vila, nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Nun encontro que tivo lugar no Café Cultural Ítaca, os nacionalistas desvelaron os 23 nomes que figurarán na súa lista nos comicios.

Ata o de agora coñecíanse os nomes das cinco primeiras persoas que encabezan desta lista. Estes eran o propio Camilo Vila, o enxeñeiro Manuel Pozo, que vai como número 2, a avogada Alba Feixoo ocupa o 3, a educadora social Marta Joga está como 4 e, o quinto, é o profesor universitario Xosé Manuel Cid. A lista complétana Mirian Opazo, Xaira Pena, José Manuel Nieto "Tareco", Ángel Suárez, Carmen María Cuquejo, María Manuela Fiz, Carlos Pérez e o actual concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, pecha a lista.

 

En canto aos suplentes, as persoas que forman parte do proxecto do BNG en Xinzo son Leticia Diz, Malco Garrido, Andrés López, Brais Valencia, Sheila Fernández, Borja Rubén Domínguez, Camilo Villarino como independente, Marcos Camino, Sabela Seara e Lucía Novoa.

No acto tamén estivo presente Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento de Galicia, quen acompañou aos nacionalistas limiaos na presentación do equipo para as próximas eleccións. O proxecto susténtase na idea de "Medrar en Xinzo, Traballar en Xinzo, Vivir en Xinzo, Coidar en Xinzo e Desfrutar en Xinzo, cun obxectivo claro, ser un concello de 10 para volver ós 10.000".

NOTICIAS XINZO | Os 23 nomes que o BNG leva na súa lista ás eleccións municipais