lunes. 07.10.2024

“Non hai cambios na miña vida. Seguirei como até o de agora, como concelleira en Xinzo”, manifestou Montse Lama ao Diario do Limia despois de que o Partido Popular de Ourense fixese pública a incorporación de Lama como militante en Ourense malia que continúa como concelleira non adscrita na corporación de Xinzo tras a súa saída de C's, marca coa que se presentou á Alcaldía no 2019.

 

 

No comunicado do PP, feito público este domingo, o presidente dos populares, Manuel Baltar, afirma: “A volta de Montse Lama ao Partido Popular é a volta á formación política que mellor defende os intereses da provincia de Ourense. Ela o sabe, cando estivo, e o sabe cando non estivo. Ela viu coma o noso rigor e a nosa filosofía de traballo, ten a Ourense en letras maiúsculas”.

 

Pola súa parte, Montse Lama recoñece que “nestes meses de negociacións co grupo de goberno da Deputación démonos conta de que temos moitos puntos en común, únenos Ourense, o amor pola nosa terra, a preocupación polo benestar dos nosos veciños, e a ilusión de seguir traballando por unha provincia cargada de oportunidades. Oportunidades que sabemos interpretar e que faremos realidade con novos proxectos de futuro”.

 

A decisión de Montse Lama non alterará os equilibrios nin na Deputación Provincial nin na corporación municipal de Xinzo de Limia. O aliñamento de Montse Lama coas posicións do PP foi moi evidente no último pleno de Xinzo, aínda que quedou en segundo plano pola súa tensa disputa coa alcaldesa, Elvira Lama (PSOE).

 

NOTICIAS XINZO | Montse Lama afíliase ao PP en Ourense, pero seguirá como concelleira...