viernes. 19.04.2024

O pleno ordinario de xullo demostrou que a oposición ao goberno local está máis unida (e belixerante) que nunca, e que calquera coordinación que puidera ter existido entre as patas do cuatripartito é cousa do pasado e cada unha delas camiña xa, a dez meses das eleccións, para o seu lado. 


O goberno local quixo xogar varios partidos e non xogou ningún. Primeiro avanzou nas páxinas do xornal de maior tirada na provincia as medidas “para reducir a presión fiscal fronte a inflación”, pero o pleno estoupou noutra dirección e o xornal de maior tirada na provincia non estaba alí para contalo. Anuncios estrela, ao lixo.


Despois, o debate xirou ao redor dunha proposición do PP para demandar do Estado unha rebaixa de impostos. O goberno local entrou ao trapo. Quizá pensando en se lucir como no pleno anterior coa cuestión da Atención Primaria na que Elvira Lama lle zoupara duro aos populares, o conselleiro de Facenda, Manuel Pérez Campos, fixo un apaixonado discurso sobre a necesidade de fixar “uns prezos máximos aos combustíbeis e á enerxía” e, ao mesmo tempo, gravar con máis impostos “ás multinacionais que pagan impostos ridículos” (Elvira Lama foi máis alá e sostivo que “estanse forrando”). O debate, claro, acabou en Ucraína pasando antes por Núñez Feijoo e o bono turístico da Xunta. Até que Elvira Lama acusou a Montse Lama de “facer populismo”, e a tensión entre ambas foi en aumento até que a alcaldesa ordenou cortar o micro á concelleira independente. 


A cándida moción do PP acabou provocando unha tormenta na que Pérez Campos se dedicou a unha predica que faría esmendrellarse coa risa ás elites do PSOE e os seus socios no Goberno do Estado; mentres a alcaldesa perdía os papeis con Montse Lama; Amador Díaz baixaba a cabeza e Ramiro Rodríguez miraba a tablet como se a cousa non fose con el. Nesa media hora de pleno quedou en evidencia o presente e o futuro do cuatripartito: xa ex-coalición.


O seguinte anuncio estrela, unha moción presentada por todos os grupos “en apoio ao sector agrogandeiro” e para reclamar do Goberno do Estado “un gasóleo agrícola profesional cun prezo fixo” (que é todo o compromiso que unha das patas fortes do goberno local, AXIL, puido arrancar da outra pata forte, o PSOE) quedou tapada polos efectos da tormenta previa... e da posterior. Outro partido perdido que tratará de amañar o goberno a través da comunicación, porque desde a política xa non pode.

O seguinte anuncio estrela, unha moción presentada por todos os grupos “en apoio ao sector agrogandeiro”. Outro partido perdido que tratará de amañar o goberno a través da comunicación, porque desde a política xa non pode.

Nese momento Amador Díaz levantou a cabeza, pediu a palabra, dixo que estivera calado, escoitando, e que agora quería dicir algo. Agradeceu ao Goberno PSOE-Podemos e á Xunta-PP que tivesen demostrado con feitos o seu apoio ao sector primario da Limia, mais que este aínda non era suficiente; e dixo que esperaba do PP e de Montse Lama que todo ese apoio que de palabra ofrecían no pleno se traduza en ir xuntos, unidas, a petar ás portas da Deputación e da Xunta. 

Pleno do 7 de xullo de 2022 da corporación de Xinzo de Limia
Instantes previos ao comezo do pleno da corporación de Xinzo de Limia este xoves.

 

Foi a calma que precedeu á última tormenta da mañá. Terceiro partido, terceira derrota. O PP preguntou polo caso das piscinas exteriores, que cando abren... O concelleiro de Deportes, de vacacións, asistía ao pleno por vía telemática. Pero Elvira Lama pasou á pelota ao de Urbanismo, Ramón Gómez (AXIL), que durante estes últimos días eludiu a cuestión. Gómez desculpou o atraso polas obras e as obras, polo clima. A alcaldesa tiña o seu propio argumentario, e foi máis alá da resposta solicitada e atacou o asunto do peche (por vez primeira en 22 anos) da piscina climatizada. Despois de dous días eludindo tamén a cuestión, onte o goberno local sacou unha nota de prensa (para empezar o partido cun gol a favor). (Non alcanzou). A alcaldesa pediu perdón seguindo a moda borbónica. 


Abundou nas dificultades financeiras para soster a piscina climatizada, despois dixo que o número de usuarios baixara e rematou aludindo á escaseza de socorristas (que se resolve levando o persoal da climatizada en xullo e agosto para as exteriores). “Hoxe enviaremos unha carta aos abonados”, dixo como expresión do arrepentimento. Asunto pechado para o goberno, que non fai política, todo é comunicación. E cando falla a comunicación, primeiro cala e despois, se a realidade aperta, pide perdón máis non rectifica. Non rectifica. Antonio Fernández, portavoz do PP, tamén de vacacións, pediulle ao goberno local que a próxima vez sexa máis previsor. 


Pero Elvira Lama xa estaba desatada e tensou a corda. A Alcaldía pode cortar o micro a calquera concelleiro e pode pechar todos os debates que queira, pero non é unha norma. É unha potestade. Lama respondeu a Fernández: “O que non podemos ser é adiviños”. 


A alcaldesa pechou o pleno querendo xogar e gañar outro partido. Sacou o currículo de Laura Seara e a lista de clientes da empresa de Laura Seara, contratada para realizar o Plan de Igualdade do Concello de Xinzo. O día anterior o PP deitou dúbidas sobre a contratación de Laura Seara pola súa relación co responsábel de comunicación (a comunicación sempre polo medio) do goberno municipal. A defensa de Seara acabou mesturada con outra pelexa de Elvira Lama con Montse Lama. A alcaldesa suxeriu que Montse Lama busca acomodo no PP para sobrevivir en política poñendo en dúbida á capacidade da concelleira independente para conseguir un traballo fóra da política (como fixo Laura Seara, aí a ligazón). A alcaldesa deu por finalizado o pleno sen dar ocasión a Montse Lama de intervir. 


Rematado o pleno, cada pata do goberno saíu polo seu lado. Dez minutos despois, no mesmo salón, celebrouse unha rolda de prensa para presentar as Festas de Santa Mariña. 

NOTICIAS A LIMIA | Cada pata do goberno de Xinzo camiña para un lado