miércoles. 09.10.2024

O servizo de piscinas municipais este verán en Xinzo de Limia será o peor dos últimos 22 anos. Co concelleiro de Deportes de vacacións estes días, as piscinas exteriores abrirán máis tarde que nunca (a finais desta semana, segundo a última previsión) e a piscina cuberta pechará no mes de xullo por vez primeira desde que entrou en funcionamento hai 22 anos.


As piscinas exteriores levan atraso na súa apertura, polo que na entrada da piscina cuberta hai un cartel co seguinte aviso: “Horario de verán. Dende o venres día 1 de xullo ata a apertura da piscina exterior”. É dicir, en canto se abra ao público a instalación exterior, pecharase a instalación cuberta. 


Non só estará pechada en xullo, tamén pechará a segunda quincena de agosto. En contra do que viña pasando nos últimos anos, que só permanecía fóra de servizo durante a primeira quincena de agosto mentres se baleiraba e limpaba.


A decisión do goberno local foi que, unha vez incorporado o persoal da piscina cuberta como persoal municipal (por unha sentenza esta pasada primavera), este colectivo de dez traballadoras se ocupe de atender o servizo de piscinas exteriores os meses de xullo e agosto. 


E como o persoal non alcanza, o goberno de Elvira Lama optou por pechar a piscina cuberta durante o período que permanezan abertas as exteriores. As traballadoras advirten que nin os horarios nin os días de apertura coinciden, polo que o réxime de vacacións e días libres verase alterado substancialmente. A piscina cuberta pechaba domingos e festivos. As piscinas exteriores mantéñense abertas toda a semana.


Os horarios e diferentes condicións das instalacións afectarán a usuarias e usuarios da piscina cuberta, que indican que as instalacións exteriores non poden prestar o mesmo servizo nin atenden os mesmos públicos. E poñen o énfase no que suporá para as persoas que utilizan a climatizada con fins terapéuticos ter que prescindir durante dous meses deste servizo. 

Psicina climatizada Xinzo. Instalacións deportivas. Piscina. Ximnasio Pisicina (1) (FILEminimizer)
Ximnasio baixo a piscina. 

Nos próximos días, segundo comentou a alcaldesa ao Diario do Limia o pasado venres, procederase a acondicionar as piscinas exteriores unha vez rematadas as obras coa intención de abrilas antes desta segunda fin de semana de xullo. Mentres, a piscina cuberta estará aberta de 07:00 a 13:00 horas e de 18:30 a 22:30 até o venres. 


A piscina climatizada de Xinzo de Limia abriu as súas portas en abril do ano 2000, despois de que as obras se tiveran iniciado catro anos antes. Xinzo e Verín foron as dúas únicas vilas con unha instalación deste tipo até que no anos 2002 se abriron as piscinas cubertas no Barco de Valdeorras e Allariz. Desde a apertura, a piscina limiá tivo unha dotación de persoal de dez traballadoras, sempre baixo xestión privada. Unha recente sentenza xudicial converteu eses postos en persoal laboral do Concello de Xinzo de Limia. 

No 2000, o prezo diario era de 350 pesetas para os adultos, con bonos mensuais de 2.900 pesetas, e bonos anuais de 52.000 pesetas para familias a partir de catro membros.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo pechará a piscina cuberta en xullo por vez primeira en 22 anos